Os comités de empresa de Ence reclaman na Audiencia Nacional os seus dereitos como traballadores

A compañía destaca que a parada técnica da biofábrica eleva ata o 90% a ocupación hoteleira en Pontevedra

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2019 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

O gabinete xurídico dos comités de empresa de Ence Pontevedra presentou este mércores os escritos de personamento ante a Audiencia Nacional para "defender" os seus dereitos e intereses "lexítimos" como traballadores no procedemento aberto contra a prórroga que en 2016 deu o Goberno de Mariano Rajoy á planta de Lourizán.

Ademais, os comités lembran que a pasada semana enviaron ao Ministerio para a Transición Ecolóxica as súas alegacións ao proxecto de real decreto para modificar o Regulamento Xeral de Costas, que se atopaba en trámite de información pública.

A través dun comunicado, os traballadores quixeron agradecer a colectivos empresariais, á Cámara de Comercio de Pontevedra e a empresas auxiliares e do sector forestal "o seu apoio e a súa sensibilidade e preocupación pola posible destrución do emprego na comarca, na provincia e en toda Galicia".

Así, os comités advirten da convocatoria dunha "batería de mobilizacións" que comunicarán "cando estean consensuadas en ambos os comités". Por agora, e a modo de protesta, está prevista unha caravana de camións que terá lugar o vindeiro venres día 12.

PARADA TÉCNICA DE ENCE

Por outra banda, Ence destaca que a parada técnica da biofábrica de Lourizán supón un "importante revulsivo para a economía local", xa que, de acordo ás súas cifras, a ocupación hoteleira elévase ata o 90%. Desta porcentaxe, asegura a empresa, un 60% débese directamente á parada anual.

Ademais dos 400 empregados da planta, participan nesta operación máis de 1.500 traballadores de empresas auxiliares que, durante os doce días que dura a parada, pasan a noite e consomen no sector hostaleiro e comercial da cidade.

Así mesmo, Ence sinala que iso supón "unha importante actividade" para as 120 empresas auxiliares que participan na operación, na súa maioría de orixe galega, aínda que tamén hai presenza de compañías de Suecia, Finlandia, Canadá, Alemaña ou Portugal. En total, a parada técnica anual da biofábrica, que serve para acometer melloras e incorporar novas tecnoloxías, supón un investimento de 15,5 millóns de euros.

ENCE, na ría de Pontevedra
ENCE, na ría de Pontevedra | Fonte: juantiagues en Flickr.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta