Distribución, a parte central da cadea dos medicamentos

Miguel Reviejo é delegado de Bida Farma, cooperativa de distribución de medicamentos. Falamos con el por ser unha persoa que coñece o sector a fondo. O motivo da conversa é coñecer como se reparten os medicamentos ás farmacias e saber se a carencia de remedios tería parte da súa orixe neste segemento

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Houbo cambios nos últimos datos no consumo de medicamentos en Galicia?
Non podo dicir agora mesmo cales son os cambios máis notables. Si podo dicir que co paso do tempo os métodos terapéuticos van variando. Se antes era a aspirina, agora hai outras solucións como ibuprofeno e outros principios activos. Non hai unha grande diferencia entre os consumos en Galicia e o resto de España, polo menos que eu teña evidencia.

Farmacia. FLICKR - Archivo
Farmacia. FLICKR - Archivo

-Como membro de Fedifar que desafíos enfronta a distribución de medicamentos agora mesmo?
A distribución española é moi forte dentro do ámbito nacional, non así dentro do ámbito europeo. Isto é así porque hai empresas moito máis fortes que as españolas. Penso que nestes momentos a distribución española está concentrando empresas do sector, algo que está facendo moi ben. A orixe disto é ter unha mellor eficacia con respecto dos custes e a xestión. O cambio lexislativo non o vemos moi necesario, pero si que hai algunhas cousas sobre a garantía do subministro dos laboratorios, da industria farmacéutica. Xa a temos pedida, pero esta garantía por parte das admninistracións públicas non se acaba de fixar dunha maneira clara e evidente. Desde o punto de vista lexislativo non habería que facer ningún cambio que sexa urxente.

-Como é o traballo dunha empresa de distribución?
Non é doado de explicar porque hai partes nunha empresa de distribución que varían dunha empresa a outra. Partes como a clasificación, o envío, o control de todos os medicamentos etc. O que si podo dicir é que a seguridade do medicamento, con respecto ás empresas de distribución teñen un control desde o punto de vista farmacéutico e de garantía do medicamento e sanitario total desde que un medicamento entra ata que chega a unha oficina de farmacia. Isto tendo en conta que a empresa Bida Farma, por exemplo, temos case robotizado todo o proceso, sobre todo no almacén da Coruña. Con isto quero dicir que todos os medicamentos están certificados. O día a día é levadeiro, mais estamos traballando sobre todo no control dos medicamentos, os que precisan frío que estean no seu lugar e que haxa medicinas en stock segundo as necesidades da poboación. Resumindo, o noso obxectivo é facer unha boa subministración ás farmacias para que as farmacias dean unha boa subministración aos pacientes.

-Hai laboratorios que teñen o seu propio servizo de distribución?
Si, iso ademais está contemplado na lexislación, poden enviar medicamentos por empresas de mensaxería, iso está permitido. Non obstante, por lóxica non ocorre moitas veces. Normalmente todos os laboratorios envían os seus produtos a través da distribución.

-Lendo a web de Fedifar, din que traballa co modelo solidario de distribución. Este modelo evita o encarecemento das menciñas?
Non inflúe. Os medicamentos que consumen os pacientes está fixado pola Administración pública. Teñen o mesmo prezo en calquera parte do Estado. Que a distribución saia mellor ou peor, non inflúe no prezo fixado pola Administración.

-Na mesa de negociación para os prezos están o Ministerio de Sanidade e os laboratorios. Deberían estar nesa mesa os outros sectores implicados?
Non estaría de máis. Se é só para fixar o prezo, nós pouco teriamos que dicir, porque o prezo é proposto polo laboratorio e a administración acepta ou non. En puridade, é unha negociación a dúas bandas, industria e Administración. As aportacións que poderíamos dar as outras partes implicadas, pois serían desde o punto de vista sanitario e non economicista. Nós o que temos é unha lexislación que fixa as marxes que vai a cada sector do movemento dos medicamentos.

-A distribución ocupa directamente a 7.000 persoas e 17.000 indirectamente. Abundan os autónomos neste sector?
Hai de todo, podo dicir. Pode haber autónomos e empresas que fagan o reparto con persoal propio. Nestes momentos a tendencia é a que isto se faga con empresas que teñan estas rutas de reparto. Hai quince anos ou así praticamente todo o persoal de reparto estaba dentro destas empresas. Autónomos, foi unha fase, mais como só é unha persoa ou dúas, ese traballo é moi duro. Aínda que non é unha cuestión de custes, senón de xestión porque unha empresa xestiona mellor que unha soa persoa.

-Teñen medo que empresas de reparto como Amazon se introduzan neste mercado de reparto de medicamento?
Coa actual lexislación española, iso non é posible. Hipoteticamente, se iso ocorrese, non teriamos medo mais si preocupación, porque nós estamos especializados nas farmacias, é o noso traballo, dámos un servizo moi bo que moitas veces está no límite da rendibilidade, porque somos cooperativas. Sería un competidor importante, difícil, pero medo non, no caso que entrase no mercado. O máis importante, desde o noso punto de vista, a saúde e a calidade do servizo para que as farmacias podan dar un bo servizo elas, o problema sería que a sociedade debera escoller cal é a mellor maneira da distribución, se como é agora ou desde un punto de vista máis economicista. O noso obxectivo é dar unha calidade sanitaria moi boa.

-Desde o seu punto de vista, por formar parte da cadea de distribución dos medicamentos, que explicación podería dar á falta de medicamentos?
Nós estamos no medio da cadea con catro actores, os que fabrican, os que distribúen, os que dispensan e os pacientes. O que sufre é o paciente e nós estamos no medio. O que dá a cara é o farmacéutico, se hai un paciente, sobre todo maior, con medicacións que teñen que tomar de maneira diaria, e se esa medicación falta e por tanto hai que cambiar o produto, á xente maior non lle gusta, porque cambia a caixa, a cor, poden confundirse e iso é un problema sanitario. Porque se unha persoa deixa de tomar a súa medicación por calquera causa, é un problema sanitario. Nós damos a cara como farmacéuticos. Desde a distribución recibimos as queixas dos farmacéuticos, pode ser culpa nosa ás veces, agora mesmo hai unha serie de medicamentos que non nos chegan desde o laboratorio. A causa de desabastecemento non é unha soa, este problema comezou no 2016 e 2018 foi o ano en que a Administración tomou cartas no asunto. As causas mesmo poden ser personalizadas, porque falla a produción debido a un problema na fábrica na India, polo tema da globalización. Nesa fábrica facíanse os principios activos do medicamento e se non hai outro fabricante xa non hai medicamento. Tamén fallos no laboratorio ou porque non consegue atender a demanda dese medicamento. O sistema está tan globalizado que un só fallo nunha parte do mundo afecta ao resto.

-A Galicia tamén, claro.
En España temos un problema non recoñecido pola Administración pública, porque ao mellor non ten interese en recoñecer, é un problema de prezo. Hai un momento que saquei unha lista cos medicamentos que me chegan a min con prezos de 2,5€ e menores, sería o prezo polo que mo venden. Con 2,5€ cómpranse moi poucas cousas, pero tamén hai medicamentos de menos dun euro e con menos dun euro non se merca nada. Cando chega á distribución e á farmacia eses custes están na caixa. Con prezos tan baixos, non se lle pode pedir á industria que fabrique perdendo diñeiro. Ese é un problema de fondo que habería que resolver pois pode chegar a ser un problema sanitario. Logo se un laboratorio non pode producir un produto, esa produción vai para outros laboratorios que teñen que cambiar a súa produción para atender a demanda do que non se pode fabricar, e aí teñen que non dan feito, así prodúcese outra falta de medicamento. Hai que velo desde un punto de vista estructural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta