En Marea reclama acabar "cos privilexios" das grandes eléctricas cunha nova regulación do sector

O comité da planta coruñesa apela a elaborar un estatuto electrointensivo "contundente" para evitar "dificultades".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 05/04/2019 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, reclamou acabar con "os privilexios" das grandes empresas eléctricas mediante unha nova regulación do sector eléctrico, tras unha reunión con traballadores da planta de Alcoa na Coruña, á que asistiron candidatos desta formación nas próximas eleccións xerais.

En declaracións aos xornalistas, Villares apelou a promover unha nova regulación do sector eléctrico "que sexa capaz de ofrecer prezos competitivos para a industria que xera riqueza como Alcoa ou Ferroaltántica".

"Unha regulación que tamén impida a estafa eléctrica que se produce nos recibos da luz", expuxo. Ao fío diso, incidiu en que familias e empresas están "asfixiadas cuns prezos que se fan para privilexiar ás empresas eléctricas". Ademais, argumentou que "a solución" para Alcoa e outras empresas do sector electrointensivo pasa por "garantir a súa competitividade con investimentos", así como os postos de traballo.

E neste obxectivo avanzou que En Marea "non apoiará ningunha forza política que, despois do 28 de abril, non ofreza unha solución clara e definitiva para Alcoa". E esa solución, engadiu, pasaría por aceptar as emendas que presentaron ao estatuto de consumidores electrointensivos.

PLAN INDUSTRIAL DE "FUTURO"

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa da fábrica de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, volveu a reclamar un plan industrial de "futuro". "O Goberno que veña vai ter moito traballo para terminar de elaborar o mellor escenario para que a industria deste país sexa o motor do mesmo", expuxo.

Sobre as reunións con distintas formacións políticas, dixo que "no fondo" están de acordo coas alegacións propostas ao estatuto. Con todo, incidiu en que "queda moito por facer" para dotar ao estatuto dun contido que garanta o futuro para estas empresas e, en concreto, para as plantas de Alcoa. "Se o estatuto non é contundente imos ter dificultades", advertiu Corbacho. Mentres, sobre os posibles investidores para a planta coruñesa, remarcou que non queren a ninguén que "veña a especular".

Imaxe da manifestación de Alcoa na Coruña.. M. DYLAN - EUROPA PRESS - Arquivo
Imaxe da manifestación de Alcoa na Coruña.. M. DYLAN - EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta