Máis de 9.000 aspirantes irán esta fin de semana ás oposicións de auxiliar administrativo do Sergas

"Non existe limitación algunha no número de aprobados e a proba, que ten unha duración de catro horas, cualifícase como apta ou non apta", di o Goberno galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2019 | Actualizada ás 19:17

Comparte esta noticia

Un total de 9.087 aspirantes están convocados aos exames da Oferta Pública de emprego do Servizo Galego de Saúde (Sergas) na categoría de grupo auxiliar da función administrativa, que terán lugar este domingo, día 7 de abril, no Recinto da Feira Intenacional de Galicia, na localidade pontevedresa de Silleda.

Este proceso selectivo está destinado a cubrir 209 prazas do Sergas, das cales 93 correspóndense á quenda de acceso libre, 105 ao de promoción interna e 11 ao de discapacidade. Segundo destacou a Xunta nun comunicado, máis do 17% dos admitidos ten actualmente vínculo activo ao Sergas, o 1,2% provén de fóra de Galicia, case un 41% ten menos de 40 anos e máis do 80% do total dos convocados é muller.

"Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzaranse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo desta maneira o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame", explicou a Consellería de Sanidade.

Ademais, practicaranse varias adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios co obxectivo de garantir que todas as persoas aspirantes concorran ao proceso en condicións de igualdade. Nas probas deste domingo, o chamamento dos aspirantes dará inicio ás 15,30 horas e todos eles realizarán nesta xornada todos os exercicios que integran a fase de oposición.

APTITUDE PROFESIONAL

Por outra banda, a Academia Galega de Seguridade Pública acolle este sábado, día 6 de abril, a proba de aptitude profesional para o exercicio da profesión de avogado para o ano 2019, na que están inscritas 258 persoas. Segundo explicou a Xunta nun comunicado, ditas probas acreditan a capacitación profesional para o acceso á función de avogado e están dirixidas a comprobar a formación suficiente para o exercicio da profesión, así como o coñecemento das respectivas normas deontolóxicas e profesionais.

Para acceder á proba é necesario estar en posesión do título de Dereito e superar os cursos de formación e o período de prácticas externas. "As probas consisten na resolución dun cuestionario sobre materias comúns ao exercicio da profesión de avogado e cuestións sobre a especialidade xurídica elixida. Non existe limitación algunha no número de aprobados e a proba, que ten unha duración de catro horas, cualifícase como apta ou non apta", explicou o Goberno galego.

A porcentaxe de participación nas oposicións do Sergas na categoría de. XUNTA DE GALICIA
A porcentaxe de participación nas oposicións do Sergas na categoría de. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta