Pontevedra homenaxea a sete veciños da cidade vítimas do nazismo

O acto contou con familiares dos que estiveron presos nos campos de concentración e exterminio alemáns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2019 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

O concello de Pontevedra reivindicou a historia de sete veciños confinados nos campos de concentración nazis de Mauthausen, Gusen e Neuengamme para "acabar co esquecemento e a desmemoria", segundo subliñou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará.

Pontevedra lembra a sete veciños vítimas do nazismo cunha homenaxe a travé. REMITIDA
Pontevedra lembra a sete veciños vítimas do nazismo cunha homenaxe a travé. REMITIDA | Fonte: Europa Press

A homenaxe contou co historiador Xosé Álvarez Castro, a escritora Montse Fajardo e familiares das vítimas e apelou a "reflexionar nestes tempos de certa zozobra socio-política", en palabras de Pilar Pérez, sobriña do sobrevivente Manuel Pérez Taboada.

Precisamente, Pérez Taboada --xastre da parroquia de Xeve apresado en Neuengamme-- foi liberado en 1945, ano no que tamén recuperaron a liberdade Manuel Julio Cortegoso Rodríguez e o almeriense afincado en Campañó Ramón García Martínez, prisioneiros nos campos de Gusen e Mauthausen, respectivamente.

En cambio non lograron sobrevivir os pontevedreses --aos que Luís Bará se referiu como "asasinados"-- recluídos no subcampo de Gusen: o xornaleiro de Mourente Urbano Sanmartín Abilleira, en 1941; Claudio Tizón Vázquez, en 1942; o canteiro de Marcón Manuel Coto Martínez, en 1943; e Antonio Gómez Torres, en 1945.

"Foron desposuídos da condición humana, cosificados e clasificados cun número pero conservan a dignidade como loitadores contra o fascismo e iso é unha vitoria", engadiu Bará sobre todos eles.

PARALELISMO HISTÓRICO

Neste sentido, Xosé Álvarez Castro comparou a situación dos damnificados polo nazismo por "converterlles en números no seu uniforme ou gravados na pel" coa conxuntura actual.

"Tamén hoxe se despersonaliza ao adversario, ao estranxeiro, ao inmigrante e ao diferente, por iso é importante pór cara e biografía ás vítimas para lembrar que son persoas", explicou.

Ademais, advertiu que "Mauthausen e Gusen na actualidade chámanse Guantánamo, que os campos de acollida franceses son os campos de refuxiados de Europa Central e a eliminación con gases son os bombardeos con armas químicas en Kurdistán ou Siria".

Deste xeito, trazou un paralelismo entre aquel momento histórico e o presente: "Son distintas manifestacións no tempo e o espazo dos mesmos crimes contra a humanidade", criticou.

Pola súa banda, Montse Fajardo lembrou que "sempre hai bágoas de muller detrás destas historias", en alusión ás compañeiras, nais e irmás dos que morreron "pola barbarie dos nazis", así como tamén quedaron "truncadas as vidas dos que sobreviviron".

Foi o caso de Manuel Pérez Taboada que, tras saír do campo de concentración, "sufriu continuos ingresos psiquiátricos para tratar as secuelas psicolóxicas" da experiencia.

A súa sobriña Pilar Pérez, que o coñeceu en París en 1971, relatou que o seu tío --que falecería cinco anos despois-- non logrou regresar a Pontevedra, "como desexaba", tras a morte do ditador Francisco Franco.

"Que esta homenaxe sirva para reivindicar o papel dos homes e as mulleres que loitaron polas liberdades e polas súas ideas nas peores condicións", engadiu.

DESCUBRIMENTO

Durante o acto tamén se lembrou coa interpretación dun tango a Matilde Villaverde, que estaba embarazada de Manuel Coto Martínez cando este foi obrigado a combater no bando franquista, pasándose despois ao republicano.

A súa filla, Manuela Villaverde, coñeceu o destino do seu pai con motivo das indagacións realizadas para a celebración da homenaxe organizada polo concello de Pontevedra. Con todo, a nai desta faleceu en Arxentina, onde emigrou, sen saber da morte do pai da súa filla.

Para o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a figura deste sete pontevedreses "merece estar na mellor historia da cidade" e asegurou que o obxectivo desta homenaxe foi "saldar unha débeda aprazada durante décadas de silencio" para empezar a "facer xustiza".

O rexedor rexeitou que "nos discursos xenófobos de hoxe están os mesmos discursos do franquismo, do fascismo e do nazismo, como caras dunha mesma moeda".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xan d

Paréceme moi ben a homenaxe, pero a Bará vese por onde van, porque toda esa xente foi vítima do nacional-socialismo. De xente que consideraba sagrada a súa patria, a súa lingua, o seu nacionalismo, e o seu estado totalitario. Realmente é tan diferente o BNG do NSDAP?