Novo regulamento da DOP Mexillón de Galicia

Aprobado o novo regulamento da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia e o seu Consello Regulador.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2019 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns o novo regulamento da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia e o seu Consello Regulador, co que se adapta ao marco normativo actual e ás condicións utilizadas para a inscrición desta distinción no rexistro europeo. A actualización desta norma, conforme lembrou a Xunta nun comunicado, faise necesaria despois de que a Xustiza anulase a orde aprobada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos en agosto de 2008, o que provocou que volvese estar vixente o regulamento anterior, que databa do ano 2000.

Cultivo de mexillóns en batea
Cultivo de mexillóns en batea | Fonte: RTVE.

A normativa da Consellería do Mar supón adecuala tanto á regulación actual referida ás denominacións de orixe como a outras normas que entraron en vigor nos últimos exercicios e que, por tanto, non se tiñan en conta no texto anterior. Así, o departamento que dirixe Rosa Quintana destacou que o regulamento da DOP Mexillón de Galicia deixa claros distintos aspectos como o nome e o fundamento da protección do produto, o ámbito de protección, a necesaria diferenciación das marcas ou o logotipo da denominación xeográfica.

Ao mesmo tempo, establece os criterios a seguir polo Consello Regulador á hora de elaborar os rexistros escritos na denominación, como tramitar as solicitudes de inscrición e tamén as altas e baixas. A orde publicada este luns polo DOG tamén regula outras materias como os dereitos e obrigacións dos inscritos na denominación de orixe e o proceso de control e certificacións cos seus correspondentes órganos de seguimento e certificación. Ademais, recolle cales son as funcións do Consello Regulador e dos seus órganos reitores, así como o o seu réxime económico, administrativo e contable.

O regulamento da DOP establece o réxime electoral de Consello Regulador, que fixa a duración do mandato dos seus membros do pleno en catro anos, aínda que coa posibilidade de que sexan reelixidos. En canto á celebración de eleccións, establece que a súa convocatoria debe ser publicada nunha resolución no Diario Oficial de Galicia e que fixase tanto o calendario ao que debe axustarse o proceso electoral como as regras de aplicación.

Aínda que a convocatoria electoral será posterior, o regulamento xa establece algúns criterios a ter en conta na súa celebración, como son a elaboración dos censos, a presentación e proclamación das candidaturas, o desenvolvemento da campaña electoral ou a designación dos membros das mesas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta