Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/04/2019 | Actualizada ás 15:10
O 83% dos empresarios galegos ve na incerteza política unha "ameaza" para a súa actividade profesional, mentres que sete de cada dez apunta tamén ao risco regulatorio, segundo un informe da firma de servizos profesionais KPMG. No entanto, o 75% prevé aumentar as vendas este ano. Sobre a situación actual da economía galega, un 50% vea "boa", mentres que un 60% confía en que se manteña así no transcurso do ano.
Na presentación deste informe --realizado en base á consulta duns 50 altos directivos e empresarios de Galicia de sectores como a banca, a industria, o sector agroalimentario e servizos--, Daniel Fraga, socio responsable de KPMG en Galicia, destacou que o empresariado galego é "un pouco máis pesimista" respecto da situación actual se se compara co dato estatal.
Con todo, móstranse, segundo explicou, algo máis optimistas respecto das súas previsións para todo o ano. Este feito atribúese a que "cando as cousas van moi ben na economía española, tardan en vir os efectos", apuntou como posible causa. Tamén dixo que as previsións económicas en Galicia "son un pouco mellores que en España".
Con todo, incidiu en que o crecemento se está "moderando", á vez que destacou o que opinan os empresarios sobre a incerteza política. "Un 68% en Galicia e un 67% en España considera que vai ter un impacto negativo na evolución da compañía".
Respecto das previsións de facturación, aínda que un 75% dos empresarios prevé aumentala este ano, o informe subliña que é inferior ao 86% que sinalaban os empresarios e directivos galegos na edición anterior deste estudo. Con todo, está por enriba da media do resto de España, situada no 69%.
OUTRAS CONCLUSIÓNS
Da enquisa realizada, o informe subliña tamén que un de cada dous empresarios consultados prevé aumentar o persoal este ano e un31% espera mantelo. Ademais, o 50% espera aumentar a partida de investimentos, sobre todo en I+D, mentres que sitúan a mellora de procesos como prioridade estratéxica.
Neste ámbito, Daniel Fraga subliñou que para o 35% dos empresarios a atracción do talento forma parte desta prioridade, fronte ao 21% que cita esta cuestión a nivel estatal. En canto ao investimento en ferramentas tecnolóxicas, incidiu na diferenza que hai respecto da media española. Un 38% dos empresarios galegos aposta por este tipo de investimento fronte ao 60% en España.
"Parece que custa que cale esta mensaxe nas empresas galegas, aínda que a Xunta ten moitos programas", expuxo o socio responsable de KPMG en Galicia, para quen hai que seguir traballando neste aspecto.
DEMANDAS A GOBERNO CENTRAL E XUNTA
Con todo, sinalou que entre as demandas que as empresas galegas fan ao Goberno central está o fomento da innovación, cunha porcentaxe que se sitúa no 50%, xunto ao investimento en educación (48%); a simplificación administrativa (46%) ou a reforma fiscal, algo máis dun 40%.
Á Xunta, reclámanlle a mellora das infraestruturas, aínda que sen concretar en que aspectos; á vez que tamén lle pide un 67% o fomento da innovación, mentres que un 62% solicita investimento en educación e unha 60% simplificación administrativa, entre outras demandas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.