En Marea cre que o PP pagou a posteriori os sobrecustes da viaxe de Feijóo a EE.UU. tras as críticas da oposición

"Pagou o PP. Non teño ningún inconveniente en trasladarlle a factura, aínda que vostede (Villares) non ten ningún dereito a tel", di Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2019 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que o Partido Popular de Galicia sufragou o sobrecusto que supuxo adiantar o seu retorno a España da súa viaxe institucional a Estados Unidos para poder asistir á manifestación pola unidade de España convocada o pasado 10 de febreiro polo PP e Ciudadanos e á que acabou sumándose Vox.

Durante a sesión de control ao Goberno do pleno que acolle desde o martes o Parlamento de Galicia, o portavoz de En Marea, Luís Villares, cuestionou ao xefe do Executivo sobre quen correu a cargo dos "carísimos" gastos que xeraron o cambio na axenda do presidente durante a súa viaxe a Norteamérica para "acudir a un acto de partido" que o maxistrado en excedencia denominou "a marcha do odio".

Núñez Feijóo aseverou que o sobrecusto da anulación dos billetes e a compra dunha pasaxe adiantada para retornar a España foi abonado polo partido que encabeza, o Partido Popular de Galicia, e tamén aproveitou para reivindicar o cumprimento por parte do seu goberno do código ético da Xunta.

Tras recoñecer que o cambio na súa axenda supuxo un "incremento" nos custos da viaxe, Feijóo insistiu en que "o pagou o PPdeG". "Non teño ningún inconveniente en trasladarlle a factura, aínda que vostede (Villares) non ten ningún dereito a tela", subliñou o presidente galego antes de apostilar que "ningún acto de partido foi xamais financiado pola Xunta de Galicia".

VILLARES

Villares afeou que o Goberno galego "tardase tres meses" en responder a unha batería de preguntas sobre este asunto rexistrada polo Grupo Parlamentario de En Marea, o que para o maxistrado constitúe "un incumprimento da Lei de transparencia e do código ético da Xunta".

Ademais, o portavoz de En Marea solicitou o cesamento "inmediato" do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, por ocultar " información ao Parlamento" durante a súa comparecencia ante a Comisión 1ª da Cámara, na que foi cuestionado sobre a citada viaxe e o posible cargo ás contas da Administración autonómica.

"Queremos saber se cumpriron a lei desde o principio ou só despois de que se rexistrase esa pregunta", aseverou Luís Villares, que mostrou a súa desconfianza en que o Goberno galego puidese trasladar 'a posteriori' os custos do cambio de axenda para que figurasen a cargo das contas do PPdeG.

Na súa quenda de peche, Núñez Feijóo ironizou co ton do portavoz de En Marea durante a súa pregunta e instou a Villares a que "sería bo" que iniciase un "novo ciclo" e deixase de "imputar calumnias, delitos e insidias" ao goberno desde o seu escano.

Por último, e tras teorizar con que Villares cometeu un "erro de formulación" na súa pregunta por non cuestionar se o cambio de billetes de avión da persoa que o acompañaba "tamén o pagou o partido", Núñez Feijóo referiuse a "as viaxes a Venezuela" de representantes de En Marea, en alusión ao emprendido hai meses pola deputada Eva Solla.

"Non sei se cando vostedes viaxan a Venezuela fano a cargo da Cámara ou do grupo parlamentario. Xa sei que non podo preguntarlle a vostede, pero é a pregunta que a farían os cidadáns", espetou Feijóo.

Feijóo afirma que o PPdeG pagou o cambio dos seus billetes para retornar de EE.UU. XUNTA
Feijóo afirma que o PPdeG pagou o cambio dos seus billetes para retornar de EE.UU. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta