García Liñares concorrerá polo PSOE de Cerceda nas municipais tras anularse a súa condena

Confía nunha sentenza absolutoria nun novo xuízo, despois de que a Audiencia Coruñesa ordenase a repetición do primeiro.

Por E.P. | A CORUÑA | 10/04/2019 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

José García Liñares confirmou que encabezará a candidatura do PSOE en Cerceda nas eleccións municipais tras anular a Audiencia da Coruña a sentenza do Xulgado do Penal número 2 desta cidade, que o condenara a un ano e medio de prisión e 16 anos de inhabilitación por prevaricación e fraude á administración en relación ás obras do botánico. Non concretou, con todo, se o fará como independente. "Seguramente si porque é o que son agora mesmo", dixo tras darse de baixa no PSOE cando se confirmou a súa situación de investigado. Tras a súa condena, dimitiu como deputado provincial.

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, tras facerse público este martes a decisión da Audiencia coruñesa --que considerou comprometida a "imparcialidade xudicial" por parte do titular do Xulgado do Penal número 2, José Antonio Vázquez Taín,-- Liñares mostrouse "satisfeito". "Satisfacción porque a sentenza di que o xuíz estaba predeterminado desde antes", asegurou o rexedor. "Non se me deixou defenderme de nada e non se tentou esclarecer nada", sinalou sobre o xuízo.

Mentres, dixo estar "tranquilo" a pesar de que terá que celebrarse un novo xuízo con outro maxistrado. "Non existe ningún delito do que se nos acusa", insistiu defendendo a legalidade das actuacións.

CRITICAS Á OPOSICIÓN

Con todo, quixo pedir desculpas aos veciños e veciñas de Cerceda porque o concello "non ten culpa de nada". Si arremeteu contra a oposición, cuxas afirmacións ao redor do seu caso vinculounas con fins "electoralistas". "Pensaban que ían sacar un froito disto, pero como dixen no pleno --no que pediron a súa dimisión como alcalde-- que non me desen por morto", sinalou en referencia ao BNG e ao PP. Aos populares, díxolles que "se lles acabou o slogan de que o alcalde está inhabilitado". "Pretendían que o xuíz lles fixese o traballo que non foron capaces de conseguir", apostilou.

EXERCER COMO ALCALDE

Liñares confirmou que volverá agora a exercer como alcalde. Inicialmente, negouse a deixar a Alcaldía tras a condena, aínda que acabou sendo substituído, provisionalmente, pola concelleira de Educación, Cristina Capelán, que pasou a ser a alcaldesa en funcións. A esta situación chegouse despois dun enfrontamento de García Liñares co secretario municipal e a oposición, que entendían que tiña que deixar o cargo tras coñecerse en decembro o fallo do Xulgado do Penal. O alcalde rexeitaba esta petición, remitíndose ao recurso que presentou ante a Audiencia da Coruña.

Na súa comparecencia deste mércores, confirmou que reclamou, mediante un escrito ao secretario municipal, que se lle repoña no cargo. "Non me cabe ningunha dúbida que debo volver", recalcou. Sobre as eleccións municipais, dixo que está "sen falar" se concorrerá como independente no PSOE. "Non sabería ir por outro partido ou este ou ningún", afirmou. Tamén sinalou que o secretario xeral dos socialistas coruñeses e presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o chamou este martes para felicitalo.

José García Liñares, nun acto en Carral
José García Liñares, nun acto en Carral | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta