As autonomías do PP politizan á sanidade en plena campaña electoral

Os gobernos rexionais de Madrid, Murcia, Castela e León, A Rioxa, Andalucía e Galicia saíron do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde antes de que finalizase.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/04/2019 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

Os gobernos rexionais de Madrid, Murcia, Castela e León, A Rioxa, Andalucía e Galicia, gobernados polo Partido Popular, saíron do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde antes de que finalizase para "non participar na aprobación" da proposta do Goberno.

Todos eles, salvo o conselleiro de Galicia que non asistiu, abandonaron a reunión ao considerar que existe "unha falta de consenso" por parte de todos os profesionais sanitarios ademais de resaltar que se trata dun plan "electoralista" por facelo "a menos de 24 horas do inicio da campaña electoral" das eleccións xerais.

Conselleiros no CISNS, foto oficial. TWITTER @SANIDADGOB - Arquivo
Conselleiros no CISNS, foto oficial. TWITTER @SANIDADGOB - Arquivo

Unhas críticas de electoralismo nas que cae tamén o PP ao politizar a sanidade antes do comezo da campaña. Ao seu xuízo, creouse unha proposta "con aceleración e con présas" para poder presentala antes dos comicios do próximo 28 de abril, polo que, insistiron, trátase dunha estratexia "electoralista" por parte do Ministerio de Sanidade.

Con todo, resaltaron que queren seguir traballando para "reforzar a Atención Primaria" pero para iso, primeiro hai que "mellorar medidas máis urxentes", como o déficit do persoal sanitario, e despois "establecer un novo marco estratéxico".

Previsamente, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) aprobou, co rexeitamento das comunidades autónomas do PP que se levantaron da reunión, o Marco Estratéxico para a Atención Primaria, elaborado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, que tiña como obxectivo mellorar a "precaria" situación da especialidade.

Precisamente, nun contexto de diferenza de pareceres entre o Executivo central e a Xunta de Galicia, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, non acudiu á cita. O documento, ao que tivo acceso Europa Press, contempla criterios axustados ao territorio e ás características demográficas, epidemiolóxicas e socioeconómicas da poboación, a oferta asistencial da carteira de servizos asignada e a actividade propia de cada centro.

LAMENTO DA MINISTRA

A ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social, María Luisa Carcedo, lamentou "profundamente" que as comunidades autónomas gobernadas polo PP rexeitasen, no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), o Marco Estratéxico da Atención Primaria, que ten como obxectivo mellorar a situación actual da especialidade. Carcedo pronunciouse así á saída da reunión, lembrando que este documento é a culminación de tres meses de traballo no que participaron profesionais sanitarios, institucións e organizacións de pacientes e usuarios, a quen a ministra mostrou o seu "agradecemento" polo "gran traballo" que realizaron.

Por iso, e despois de que os 'populares' asegurasen que rexeitaban aprobar o plan porque fora elaborado con "demasiada" présa, non contaba co consenso suficiente e respondía a intereses electoralistas, a ministra insistiu en que o seu desenvolvemento contou cun consenso "unánime" e avisou de que o comportamento do PP "non ten nada que ver" coas necesidades da Atención Primaria.

"Cada un que xulgue, e eles terán que dar as explicacións que consideren oportunas. Tanto o calendario, como o procedemento, foi acordado neste órgano e a convocatoria electoral non suspende o funcionamento das administracións e non resta un chisco de responsabilidade a quen temos a obrigación de manter o funcionamento adecuado e a adopción de medidas que correspondan para o bo funcionamento dos sistemas públicos", salientou a ministra de Sanidade.

Ademais, e preguntada polo rexeitamento que algunhas organizacións de profesionais, por exemplo o sindicato de Enfermaría (Satse), mostraron tamén ao documento, a ministra insistiu en que os principais "protagonistas" aos que afectan as medidas que aí se inclúen están a favor do mesmo. "Á marxe de todo iso, quero mostrar o meu profundo agradecemento a todos os profesionais, usuarios, pacientes e responsables de institucións que contribuíron a que este documento vexa a luz", dixo Carcedo, para resolver insistindo en que o Marco Estratéxico pon á Atención Primaria "no lugar que lle corresponde".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta