En Marea lembra que o plan de saúde mental anunciado por Sanidade xa se anunciara en 2017

A deputada Flora Miranda, de En Marea, criticou a "política de desmantelamento" de saúde mental en Galicia, con "6.000 persoas con trastorno mental grave".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2019 | Actualizada ás 20:13

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, avanzou que o Sergas está "a elaborar un plan de saúde mental de Galicia", que promoverá intervencións centradas na promoción da autonomía das persoas con trastornos mentais, entre outras medidas. Así o avanzou no Parlamento, en resposta á interpelación da deputada de En Marea Flora Miranda, que sinalou que o plan se anunciou xa en 2017. Na súa intervención, criticou a "política de desmantelamento" de saúde mental en Galicia, con "6.000 persoas con trastorno mental grave en Galicia" das "que case a metade non foi ao médico nin a atención primaria".

A deputada de En Marea alertou de que, en especial tras a crise, aumentaron "os trastornos psíquicos" en Galicia, con "case 8.000 persoas en espera para unha primeira cita en psiquiatría" e un "200 por 100 de incrementos de psicofármacos", segundo datos do Movemento Galego de Saúde Mental.

Fronte a isto, Vázquez Almuiña defendeu que se está elaborando un plan de saúde mental de Galicia. Ademais, avanzou outras medidas como a potenciación do enfoque comunitario como modelo asistencial, a coordinación con atención primaria e a intensificación da atención sanitaria prestada, especialmente aos colectivos máis vulnerables e as patoloxías máis graves.

Na elaboración do Plan, apuntou que Sanidade contou con todos os axentes implicados, desde pacientes a familiares e profesionais. Así mesmo, resaltou que se elaborou unha enquisa dirixida aos profesionais e ás asociacións de persoas afectadas por trastornos mentais, que constatou a necesidade de mellorar o servizo en atención primaria, desenvolver recursos para atención infanto-xuvenil e potenciar a investigación neste campo.

Vázquez Almuiña tamén resaltou que o Sergas apostou pola especialización do persoal e creou a categoría de enfermaría especialista, entre outras, en saúde mental, con preto de 85 profesionais. Tras a dotación dunha unidade de saúde mental para a atención infanto-xuvenil na área de Ferrol en marzo de 2018, indicou que todas as xerencias dispoñen dunha unidade destas características. Avanzou que o Sergas está a traballar nunha nova unidade de hospitalización infanto-xuvenil no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Entre as medidas que puxo en valor, o conselleiro se ha ha referido o novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral en Ordes con 30 novas prazas, a posta en marcha dun piso protexido en Pontevedra con 5 prazas ou o incremento do número de prazas públicas en centros de Carballo e de Lugo. Uns datos a pesar dos que a deputada de En Marea concluíu que o plan xa foi comprometido en "maio de 2017", e censurou que se trate de "un plan de papel". Na súa intervención, cifrou en 1.950 os profesionais que deberían traballar nesta área segundo un informe de 1997, fronte aos "950 que traballan na actualidade".

CONSTRUCIÓN CENTRO DE SAÚDE DE MOAÑA

Por outra banda, a deputada Montse Prado Cores (BNG) reclamou información sobre os "problemas" para a construción "canto antes do centro de saúde de Moaña", debido ao "un cambio de criterio" por parte do Sergas sobre o tamaño da parcela necesaria e que atribuíu a unha "manobra política" para dilatar o proceso. Ante isto, Vázquez Almuiña replicou que o departamento continúa sen ter resposta do concello de Moaña para a firma do convenio e a cesión dos terreos necesarios. Argumentou que se concluíu que se "necesita unha parcela de 3.350 metros cadrados", para facer un edificio con "a menor altura posible" e que sexa "accesible".

"Non hai ningún atranco", puntualizou Almuiña, que afirmou que o Sergas segue sen ter resposta aos escritos enviados ao Concello durante este ano no que se expuñan as características da parcela necesaria. Pero a deputada Prado Cores, tras pór como exemplo outros centros de saúde construídos en Tui ou en Gondomar, suxeriu que resulta "curioso" que sexa "un concello que non goberna o PP o que ten que cumprir os ideais de construción".

A deputada de En Marea, Flora Miranda. EN MAREA
A deputada de En Marea, Flora Miranda. EN MAREA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Maika

Todo esto dá vergoña e noxo. Os verdadeiros doentes mentais de Galiza están no poder e son culpables de rematar coa sanidade pública desbordada e sen medios. Ogallá pasen polo mesmo que os que temos a desgraza de ter un familiar, veciño ou coñecido sufrindo ese inferno.

1 Xílgarodosil

Cita a 5 meses vista con familiar con neurose obsesiva grave e esquizofrenia paranoide grave. Eu non votei por eles pero sufro na familia a xestión do PP na saúde. E quérena empeorar privatizando e recortando en todo.