Santiago de Compostela rende homenaxe ao artista Oswaldo Guayasamín, un dos máximos representantes do indixenismo

Afundación acolle unha exposición ata o vindeiro 23 de xuño, coincidindo co ano Internacional das Linguas Indíxenas e o centenario do artista ecuatoriano.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/04/2019 | Actualizada ás 11:31

Comparte esta noticia

Afundación, a Obra Social de Abanca, en colaboración coa Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, presenta o proxecto expositivo «Oswaldo Guayasamín 1919-1999. Dúas series. Dous aniversarios» na Sede Afundación de Santiago de Compostela, onde se poderá visitar ata o vindeiro 23 de xuño, de luns a domingo en horario de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h.

Exposición «Oswaldo Guayasamín 1919-1999. Dúas series. Dous aniversarios», na Sede Afundación de Santiago de Compostela
Exposición «Oswaldo Guayasamín 1919-1999. Dúas series. Dous aniversarios», na Sede Afundación de Santiago de Compostela | Fonte: Afundación.

Oswaldo Guayasamín é un dos creadores latinoamericanos máis destacados do século XX, e un dos máximos representantes do indixenismo. Como artista conseguiu fusionar a forza da cultura das súas orixes coa estética das vangardas de comezo do século XX, especialmente do cubismo e do expresionismo, e cun forte compromiso social, froito da influencia recibida dos tres grandes muralistas mexicanos: Rivera, Orozco e Siqueiros.

A exposición, organizada no marco da celebración este 2019 do Ano Internacional das Linguas Indíxenas, expúxose desde unha perspectiva histórica, co obxectivo de achegarse á cultura dos pobos nativos americanos. Ademais, é o modo de Afundación de celebrar o centenario do nacemento do artista Oswaldo Guayasamín en Quito no ano 1919 e, á súa vez, conmemora o vixésimo aniversario do seu falecemento en 1999 en Baltimore.

O proxecto recolle dúas series de gravados do artista ecuatoriano, «De Orbe Novo Decades» e «Emociones», ambos os dous pertencentes á Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira.

A primeira, realizada por Guayasamín na década dos oitenta, foi concibida para ilustrar unha edición facsimilar do libro homónimo de Pedro Mártir de Anglería, publicado orixinalmente no 1516. Estas litografías e augafortes, baseados no momento histórico no que se atopan dous mundos a raíz da conquista de América, acompáñanse na sala de extractos de crónicas da época de autores como Garcilaso de la Vega, Pedro Cieza de León, Juan de Castellanos, Pérez de Oliva e o propio Pedro Mártir de Anglería, quen inspira as obras, así como de cantares mexicanos ou das crónicas maias de Chac-Xulub-Chen.

Doutra banda, a serie «Emociones», denominada así pola propia Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, a través de 20 litografías realizadas en España polo pintor quiteño, achega ao espectador o mundo dos sentimentos, outra das súas principais preocupacións pictóricas onde, en palabras do propio Guayasamín, «puxen alí toda a miña alma e reflectín os temas máis eternos». Acompañan esta serie palabras vinculadas a emocións en linguas indíxenas como yolotl («corazón» en náhuatl), warmi («muller» en quechua) ou ljueze («amigo» en zapoteca), como unha maneira de evidenciar as pontes entre culturas.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

Como complemento á mostra, a Obra Social de Abanca organizou unha mesa degustación con produtos típicos da gastronomía dos antigos pobos indíxenas, como cacao ou millo, co obxectivo de coñecer os seus diferentes produtos a través dos gravados de Oswaldo Guayasamín. Celebraranse tres sesións deste taller, os días 27 de abril, 25 de maio e 8 de xuño, de 11.30 a 13.30 h.

Ademais, a Área Educativa de Afundación deseñou unha serie de obradoiros dirixidos a toda a comunidade escolar. Así, os estudantes desde infantil ata 3º de primaria poderán participar na visita-conto Pachakuti wawakuna («Historias do pasado para nenos» en quechua); os escolares desde 4.º de primaria ata 2.º de ESO en Tinkukuy qhiswa («Encontros» en quechua); e os estudantes de 3.º e 4.º de ESO, bacharelato e ciclos formativos na visita taller Oswaldo Guayasamín.

Información e reservas para participar nestas actividades, en areaeducativacompostela@afundacion.org ou no teléfono 981 552 577.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta