Desactivada a alerta do plan de contaminación polo buque "Grande America" pola diminución de risco

O Executivo galego tomou esta medida unha vez que Salvamento Marítimo e a axencia europea retiraron os seus medios marítimos da zona e despois de que Francia, Cantabria e Asturias desactivasen tamén os seus plans de continxencia ante a mellora da situación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2019 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

A Xunta desactivou a fase de alerta do Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) ao constatar unha "diminución de risco da posibilidade de que se acheguen ás costas galegas" os restos do fuel do mercante 'Grande América', afundido o pasado 12 de marzo fronte ás costas de Francia.

Segundo informou nun comunicado a Consellería do Mar, o Goberno galego adoptou esta decisión de forma coordinada con Salvamento Marítimo e "atendendo ás predicións" dos modelos de deriva da Prefectura Marítima do Atlántico de Francia, e ás observacións aéreas realizadas nos últimos días pola Armada e a Aduana francesas na zona do afundimento, nos que "non se detectaron restos de fuel".

De feito, explica, o Executivo autonómico tomou esta medida unha vez que Salvamento Marítimo e a axencia europea retiraron os seus medios marítimos da zona e despois de que Francia, Cantabria e Asturias desactivasen tamén os seus plans de continxencia ante a mellora da situación.

O plan contra a contaminación activado permaneceu en fase de alerta desde o 31 de marzo ata este mércores 10 de abril como medida preventiva, co fin de dar unha resposta áxil no caso de que os restos do mercante chegasen ás costas de Galicia. Fontes da consellería confirmaron  que todas as medidas se adoptaron de forma preventiva, pero que non tiveron que actuar os medios na costa galega.

RETIRADA DE MEDIOS

Así as cousas, o buque polivalente Sebastián de Ocampo do Servizo de Gardacostas de Galicia, desprazado a Celeiro (Viveiro) de forma preventiva para actuar no caso de que fose preciso, regresará agora á ría de Arousa.

Tamén se retirou da zona do afundimento o buque Ría de Vigo, do Servizo de Gardacostas de Galicia e da Axencia Europea de Seguridade Marítima, embarcación que se mobilizou desde o primeiro momento e que estivo nas proximidades do suceso para controlar e recoller os restos de fuel e adoptar outras medidas no caso de que fosen necesarias, explica a Xunta. O Goberno galego indicou que "seguirá vixiante" e "en coordinación" con Salvamento Marítimo para actuar "de forma rápida" no suposto caso de que chegasen restos de fuel a Galicia.

Itsasoaren kutsadurari buruzko hitzaldi bat izango dá asteazken honetan EHUko Gipuzkoako campusean. 112
Itsasoaren kutsadurari buruzko hitzaldi bat izango dá asteazken honetan EHUko Gipuzkoako campusean. 112 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta