Pontón antes do comezo da campaña electoral: "Galicia necesita como auga de maio ao BNG"

A portavoz nacional do BNG sostén que "non fai falta ser nacionalista para votar ao BNG, o importante é levar a Galicia na cabeza e non corazón".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2019 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a unhas horas de que se inicie a campaña electoral de cara aos comicios do 28 de abril, apelou aos galegos, aínda que non sexan nacionalistas, que están "desilusionados" coas "forzas estatais vellas e non tan vellas" que "só" se acordan de Galicia para "pedir o voto" nas eleccións.

"Non fai falta ser nacionalista para votar ao BNG, o importante é levar a Galicia na cabeza e o corazón, crer que Galicia non pode ser discriminada nin ser a última carta da baralla", proclamou, nun acto celebrado este xoves en Santiago de Compostela, no que estivo acompañada do catro cabezas de lista ao Congreso para presentar o vídeo da súa campaña electoral.

Ana Pontón, preguntada polo regreso do exvicepresidente da Xunta Anxo Quintana como número 22 da lista do BNG en Allariz ou a posibilidade de que Xuntos por Galicia apoie aos nacionalistas, asegurou que a formación "está a recuperar a moita xente e acollendo a outra que quizais non votara ao BNG", pero que percibe que "quen está a situar o debate sobre Galicia é o BNG". Fronte a isto, ve ao presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, querendo "porse de perfil, quizais consciente do trompazo electoral que podería levar o PP".

A campaña electoral supón, para Pontón, "unha oportunidade" para que o BNG volva estar presente no Congreso para que Galicia "teña unha representación forte, sen ataduras nin subordinación a Madrid, para acabar coa discriminación". O BNG non ten representación no Congreso desde 2015, cando quedou fóra por primeira vez en 20 anos.

"Galicia necesita como auga de maio" a representación dun BNG que é unha "forza propia que non ten que pedir permiso", remarcou Ana Pontón, que apelou a "os galegos desilusionados das forzas estatais vellas e non tan vellas". O BNG aspira a "ser determinante" despois do 28 de abril para que "Galicia teña peso e voz" e "determinante" tamén para "frear" e "pararlle os pés" a "a dereita españolistas carca, racista e machista" que "pode partirse en tres pero ao final é unha".

Ilusión, dereitos sociais, benestar ou futuro figuran como lemas no vídeo presentado este xoves, no que en primeiro plano representantes do BNG defenden á formación nacionalista e que conclúe proclamando 'Agora Galiza, con voz propia, contigo'.

"O ÚNICO VOTO ÚTIL PARA GALICIA"

Néstor Rego, candidato pola provincia da Coruña, defendeu que "o único voto útil para Galicia é o BNG", mentres que a candidata por Pontevedra, Carme Dá Silva puxo en valor o apoio cidadán que está a recibir a formación da "xente que confía en que sexa a súa voz" en Madrid.

Iago Tabarés, por Ourense, puxo o acento en que "non se trata só de eleccións presidenciais" porque "o futuro de Ourense está en xogo" e Maite Ferreiro, de Lugo, defendeu que o BNG dará voz en Madrid á "Galicia interior".

28A.- Pontón (BNG) Promete 'Acabar' Coa 'Discriminación' A Galicia: 'Non Hai Que Ser Nacionalista Para Votar Ao BNG'. BNG
28A.- Pontón (BNG) Promete 'Acabar' Coa 'Discriminación' A Galicia: 'Non Hai Que Ser Nacionalista Para Votar Ao BNG'. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Fer

Ana Pontón, estamos contigo: cantos anos che faltan para a xubilación? Malo será que non aguantes como política profesional, no BNG ou no PSOE! E tamén con Carme Da Silva, que che leva ventaxa en idade. No fondo, na UPG sodes como no PCE, véxase o escandaloso caso da cuneira Yolanda Díaz, aos "comunistas" de pacotilla encántavos vivir do conto! Por iso identificamos a trepadoras e falabaratos, escóndanse baixo disfraces da UPG, do PCE, do BNG, de IU, de Podemos, do PSOE, de Ciudadanos, de Vox... Están para chupar!!!