O colectivo 'Defende A Galega' gaña o XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa

O decano do CPXG pide unha investigación que "faga Xustiza" á morte do cámara galego.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 13/04/2019 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia



O colectivo 'Defende A Galega' foi o gañador da XV edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa que convocan de maneira anual o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol.

Este galardón convocado en memoria de cámara ferrolán José Couso, que faleceu hai 16 anos cando se atopaba no Hotel Palestina de Babdag, Iraq, cubrindo o conflito bélico neste país e foi alcanzado por varios disparos realizados por tropas de EE.UU, foi dado a coñecer este sábado en Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol.

Neste escenario, o secretario do Premio José Couso, Darío Janeiro, puxo en valor a "mobilización semanal" que cada venres realizan algúns dos traballadores dos medios públicos galegos contra a manipulación.

Ademais, no acto celebrado en Ferrol, tamén participaron o decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria; a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, e o alcalde da cidade, Jorge Suárez (FeC).

AGRADECEMENTO

Unha vez coñecido o gañador, contactouse por teléfono con Tati Moyano, en representación de #DefendeAGalega, que agradeceu en nome de todo o colectivo "este recoñecemento" e manifestou que espera que "con este premio" se escoiten as "reivindicacións" dos traballadores.

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol trasladou o seu parabén aos premiados e mostrou unha fotografía na que el mesmo aparece vestindo unha camiseta negra coa reivindicación.

Ademais, recoñeceu a súa "valentía polas reivindicacións" que fan cando "o que esta en xogo son os seus postos de traballo e o pan dos seus fillos". "A dignidade, a honestidade, a coherencia e a liberdade son valores que hai que defender, pero tamén hai que defender que a profesión de xornalista sexa retribuída dignamente", manifestou o rexedor, que asegurou saber "moi ben do que fala" tendo en conta que a súa irmá é xornalista.

PETICIÓN DE XUSTIZA

No acto, o decano do colexio, Francisco X. González Sarria, aproveitou a coincidencia da campaña electoral para pedirlle aos partidos políticos unha investigación que "faga xustiza" para José Couso.

"Que se revisen as reformas que limitaron a aplicación en España da xurisdición universal", reivindicou o xornalista, que tamén se referiu a a recente detención de Julian Assange, fundador de WikeLeaks, e cuxa organización foi premiada no ano 2011 co Premio José Couso.

Por último, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, mostrou a súa solidariedade con "os traballadores da RTVE na súa reivindicación de que os debates electorais teñan como escenario os medios públicos".

VENRES NEGROS

O colectivo gañador está integrado por traballadores da Televisión de Galicia e da Radio Galega, que os venres se visten con pezas negras para chamar a atención sobre "a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver o traballo con criterios profesionais".

Para iso crearon mesmo unha lema, #DefendeAGalega, que utilizan nas redes sociais, denunciando que tan só é a través destas nas que logran chegar ao resto da cidadanía, ante o "silencio do resto de medios de comunicación".

O fallo do xurado estivo composto polos colexiados do Colexio de Xornalistas e os socios do Club de Prensa de Ferrol.

PREMIADOS

'Defende A Galega' súmase así aos gañadores do catorce edicións anteriores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal - Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); Wikileaks (2011); o Consello de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Anxo Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017) e Julia Otero (2018) foron ata agora os galardoados coa figura de 'As Ceibes', elaborada polo artista local, Manuel Patinha, orixinario de Portugal.

O colectivo 'Defende A Galega' gaña o XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa
O colectivo 'Defende A Galega' gaña o XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta