Pontón critica aos políticos que só acoden a Galicia a facer "turismo electoral"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ironizou sobre os candidatos das forzas estatais que, unha campaña máis, exercen o "repetitivo papel de paracaidistas" en busca de votos e só acoden a Galicia a facer "turismo electoral".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2019 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

Nun mitin celebrado este sábado en Lugo e do que informou o BNG nun comunicado, Pontón pediu o voto para un Bloque "en remontada" que aspira a ser "decisivo" na política do Estado nun escenario sen maiorías absolutas e no que os deputados nacionalistas usarían a súa forza para pasar a páxina de catro anos de "discriminación" con Galicia.

"Veñen facer turismo electoral e non se molestan en facer propostas para resolver os problemas que temos no país nin cando veñen aquí", censurou a xefa de filas dos nacionalistas galegos, que criticou que o gran tema da campaña sexa "o debate a cinco".

Na súa intervención, Pontón fixo un prognóstico do que se mostrou tan convencida que mesmo se atreveu a apostar o seu coche. "Estou segura de que non o vou a perder. Nese debate no que participará a colección de machos alfa da política estatal, nin Pedro, nin Pablo, nin o outro Pablo, nin Rivera, nin o reconquistador van dedicar nin un só minuto a falar de Galicia. Só queren o botín dos votos", indicou.

Precisamente, para falar de Galicia, lembrou que a súa formación proposto ao resto das forzas galegas celebrar un debate na Televisión de Galicia en horario de máxima audiencia. Con todo, sinalou que o "campión dos debates" --en referencia a Feijóo-- "dixo que non".

Pontón pediu o voto para o Bloque para "ser decisivos na política do Estado a favor dos galegos e galegas nun escenario sen maiorías absolutas". O reto o 28A "non está en optar por unha dereita botada a monte ou por unha esquerda que non foi capaz de derrogar as contrarreformas laborais, a lei mordaza ou a LOMCE. A decisión é Galicia se ou Galicia non, e este 28A miles de galegos van dicir Galicia si collendo a papeleta do BNG", concluíu.

Pontón (BNG) nun acto electoral en Lugo
Pontón (BNG) nun acto electoral en Lugo | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta