O Comité de empresa de Navantia Ferrol lembra aos traballadores asasinados na Guerra Civil

Critican que o Ministerio de Defensa non lles permita colocar unha placa elaborada polos operarios nun lugar público.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2019 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

O Comité de empresa de Navantia Ferrol lembrou este domingo aos traballadores asasinados durante a Guerra Civil por depender a República española nun acto levado a cabo nas inmediacións do estaleiro.

"En memoria dos traballadores do naval asasinados por defender a liberdade e a legalidade republicana no período 1936-1939". Así reza a placa elaborada polos traballadores de Navantia Ferrol e que do mesmo xeito que o pasado foi de novo mostrada en público na mañá deste domingo, 14 de abril (día no que o 1931 comezou a segunda República española), á espera de poder instalala nunha praza do exterior deste estaleiro, propiedade do Ministerio de Defensa, e que non autorizou a súa colocación.

Convocados polo comité de empresa de Navantia Ferrol, no acto déronse cita varios operarios, ademais do portavoz nacional en En Marea, Luís Villares, e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC).

"Espero estar aquí o ano que vén, non se se como alcalde, pero facelo a 50 metros de aquí, onde debe de estar colocada esta placa, porque é un terreo do Ministerio de Defensa e non o autorizaron", destacou Suárez, quen mostrou o seu rexeitamento a que "aínda a día hoxe moitas rúas do interior do Arsenal leven o nome de exenerais franquistas, de persoas que cometeron atrocidades contra as persoas".

Suárez tamén destacou que "hoxe é un día para facer unha homenaxe a estes traballadores que foron asasinados por defender a República, nunha mal chamada Guerra Civil, xa que foi un golpe de estado cruel e onde se tratou de eliminar a todos as persoas e ideoloxías", polo que se situou por "seguir mantendo a súa memoria viva, como os seus herdeiros".

RECLAMACIÓN DA PLACA

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Javier Galán (CC.OO.), destacou que por segundo ano consecutivo non puideron conseguir que a praza se chame 14 de abril "en recordo dos traballadores do naval asasinados".

"Pero non imos deixar o noso empeño para que se recoñeza e que estes compañeiros non queden no esquecemento, concretamente 38, tal e como temos documentado", asegurou Galán, quen agradeceu á corporación de Ferrol a "comprensión" das reclamacións. Acto seguido, Galán deu lectura ao nome e apelidos dos 38 traballadores do naval executados e as súas idades.

Así mesmo, Xosé Manuel Suárez, autor do libro 'Guerra Civil e represión en Ferrol e Comarca', que utilizou o comité de empresa de Navantia Ferrol para coñecer os nomes dos falecidos, tamén tomou a palabra neste acto e así criticou que aínda nestes días "sigan existindo máis de 1.000 prazas e rúas dedicadas a persoas que tiveron que ver co réxime que naceu a partir da Guerra Civil" e puxo exemplos como "Onésimo Redondo, ao xeneral Emilio Mola ou ao Generalísimo".

Suárez tamén felicitou " ao comité de empresa pola organización deste acto e que forma parte da recuperación da memoria histórica".

Comité de empresa de Navantia Ferrol lembra aos traballadores asasinados na Guerra Civil por defender a República
Comité de empresa de Navantia Ferrol lembra aos traballadores asasinados na Guerra Civil por defender a República | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta