Só Feijóo parará os actos electorais durante a Semana Santa

Con todo, os actos do resto dos partidos serán de menor envergadura debido á situación vacacional de moitas familias galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2019 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, será o único líder dos grandes partidos galegos que non participará en actos de campaña durante a ponte de Semana Santa, entre o Xoves Santo e o domingo.

"Os días festivos imos preservalos, porque festivos son. Non sei se algún compañeiro pode ter algún acto, pero eu, con carácter xeral, ata o luns seguinte non me vou a reincorporar á campaña", explicou Feijóo este luns, en declaracións aos medios nas que volveu a criticar a decisión de Pedro Sánchez de "expor unha convocatoria electoral moi atípica" fixándoa o 28 de abril.

No entanto, a tendencia do resto de formacións durante as datas centrais da Semana Santa será máis ou menos a habitual. Fontes do PSdeG indicaron a Europa Press que o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, manterá case a mesma actividade. Con todo, estas mesmas fontes puntualizaron que, en principio, non se espera que chegue a Galicia ningunha personalidade relevante do ámbito socialista nacional.

Por parte de En Marea, a axenda do seu portavoz, Luís Villares, tamén será a habitual. O partido instrumental arrincará o Xoves Santo con mitins no Barco e A Pobra de Trives, pero máis relevancia cobrará o Venres Santo, cando fará un percorrido en barco pola ría de Pontevedra e con parada na planta de Ence.

En Común Unidas Podemos manterá a súa axenda. Segundo informan fontes da candidatura, non haberá actos "fortísimos" durante os dous festivos, senón que serán "máis simbólicos" que os celebrados outros días. No entanto, a campaña volverá "forte" para as cabezas de lista desta coalición durante o sábado e o domingo.

BNG E C'S

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén seguirá cunha actividade habitual durante a ponte, con mitins en municipios como A Estrada, Mazaricos, Vigo e Tomiño. En canto Ciudadanos, aínda que os seus candidatos galegos terán "un pouco menos de axenda" entre o Xoves Santo e o Domingo, segundo confirman fontes da formación, durante os dous festivos virá a Galicia para sumarse á campaña algún membro da dirección en Madrid.

Estas mesmas fontes puntualizaron que esta figura nacional non se trata do presidente do partido, Albert Rivera, e que os actos se celebrarán pola Ribeira Sacra, Pontevedra e Boiro.

Así as cousas, algúns dos partidos consultados explicaron que os mitins que organizarán durante a Semana Santa serán de menor envergadura debido á situación vacacional de moitas familias galegas. No entanto, os líderes, a excepción do presidente do PP galego, prevén continuar coa súa axenda durante os dous festivos e o fin de semana.

Alberto Núñez Feijóo no inicio da campaña electoral das Xerais
Alberto Núñez Feijóo no inicio da campaña electoral das Xerais | Fonte: PPdG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta