Licitada a redacción do proxecto de ampliación e dirección de obra do Hospital Clínico de Santiago por 681.600 euros

A obra afectará a máis de 20.000 metros cadrados de superficie.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2019 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia licitou a redacción do proxecto de ampliación e a dirección de obra do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela por un importe de 681.600 euros.

Segundo informou a xerencia sanitaria compostelá, "con motivo de ampliar e mellorar as instalacións" nas que se desenvolve gran parte da atención especializada da área de Santiago, "o Sergas inicia a execución do plan funcional e de espazos para a ampliación do Hospital Clínico coa licitación do contrato de servizo de redacción do proxecto básico e de execución, así como a dirección de obra para a ampliación do CHUS".

O proxecto licitado, explica a xerencia sanitaria, "deberá achegar a definición arquitectónica necesaria para a ampliación ou reforma de máis de 20.000 metros cadrados de superficie recollida no plan funcional e plan de espazos para ampliación do CHUS", aprobado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria o 21 de marzo de 2019.

O plan de espazos da ampliación, lembra a xerencia compostelá, recolle a construción dunha nova edificación engadida á zona do bloque cirúrxico actual de aproximadamente 18.000 metros cadrados, unha nova edificación engadida ao bloque de Consultas Externas actual de aproximadamente 4.800 metros cadrados, así como a reforma duns 6.600 metros cadrados de espazos que están en uso. En total, indica, actuaríase sobre unha superficie próxima aos 30.000 metros cadrados.

HOSPITALIZACIÓN

No ámbito da hospitalización, explican as mesmas fontes, actuarase sobre as áreas de hospitalización médico-cirúrxica, hematolóxica, psiquiátrica e da unidade de curta estancia e hospitalización a domicilio.

En canto á actividade ambulatoria, a xerencia sanitaria compostelá, sinala que "afectará as consultas externas, o hospital de día polivalente e as urxencias.

Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo
Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta