O Parlamento pide ao Estado asegurar o acceso a caladoiros de Gran Sol e Malvinas na negociación do "brexit"

A posibilidade dun 'brexit' "duro" poría en risco a 66 barcos e 30 armadores galegos con buques con bandeira británica que faenan en Gran Sol e 20 pesqueiros que traballan nas illas Malvinas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2019 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

A Cámara galega pediu este martes que o Estado asegure nas negociacións sobre o 'brexit' o acceso aos caladoiros de Gran Sol e Malvinas. Nesta proposta do Grupo popular, na que toda a oposición abstívose ao non terse en conta ningunha da súa emenda, emprazan ao Estado a que se dirixa ao Parlamento Europeo e ao Consello Europeo para iniciar os trámites que supoñan a negociación dun acordo pesqueiro co Reino Unido que "impida que haxa un baleiro normativo-xurídico que leve a un corte no acceso pesqueiro aos caladoiros de Gran Sol e Malvinas".

A deputada popular Teresa Egerique referiuse a que a posibilidade dun 'brexit' "duro" poría en risco a 66 barcos galegos e 30 armadores galegos con buques con bandeira británica que faenan en Gran Sol, así como 20 pesqueiros que traballan nas illas Malvinas. Así mesmo, Egerique defendeu o "papel moi importante que xogou a Xunta" desde "o primeiro minuto" en defensa dos intereses galegos de face ao 'brexit'.

Pola súa banda, Paula Quinteiro (En Marea) censurou a "incongruencia" de presentar "agora" esta proposta pola vía de urxencia, á vez que se referiu a a "incerteza" no sector, cuestión na que coincidiu coa deputada socialista Loli Toja. Así mesmo, Montse Prado (BNG) reprochou á Xunta que "só lle poña deberes a outros" e non tome medidas.

CAMPAÑA PARA CONSUMO DE PEIXE POR 'MILLENNIALS'

Por outra banda, nesta comisión a directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez, informou de que a Xunta porá en marcha unha campaña para fomentar o consumo de peixe entre os chamados 'millennials' galegos, na franxa de idade dos 18 aos 30 anos.

"Conscientes como somos de que se estaba producindo unha falta de continuidade do consumo cando os nenos pasan a ser 'millennials' adxudicouse unha campaña de promoción para fomentar o consumo na franxa entre os 18 e os 30 anos", explicou en resposta a unha pregunta do Grupo socialista, na que se alertou de que non se cumpre en Galicia o consumo recomendado semanal de peixe.

QUEIXA DO PSDEG

Por outra banda, Mercedes Rodríguez afirmou --en resposta a unha pregunta do PP-- que a Xunta está "a traballar de xeito conxunto co sector" da conserva, tras un 2018 no que exportou o 80% da súa produción. Aquí, na súa quenda de réplica, María Soraya Salorio (PP) preguntou á directora xeral de Pesca polo cambio normativo en costas que prevé realizar o Goberno central e sobre a súa afectación en Galicia. En resposta, Mercedes Rodríguez dixo que observa con "preocupación" esta modificación, xa que "produce inseguridade xurídica" para un centenar de empresas do sector do mar.

Por mor desta cuestión, posteriormente, a deputada do PSdeG Loli Toja queixouse de que a Xunta contestase nesta comisión a unha pregunta que "non estaba nin sequera rexistrada" para "facer campaña política". Denuncia que é "inxusto" e é "un trato desigual", xa que cando a oposición formula algunha pregunta que non se atopa rexistrada a Xunta "simplemente non contesta".

O feito é que na pregunta do Grupo Popular rexistrada con data de febreiro tan só figuran dúas cuestións ao Goberno galego relativas ao balance que fai da capacidade exportadora do sector conserveiro e ás axudas realizadas. En cambio, Mercedes Rodríguez lamentou que "parece que non se pode falar sen saírse do guión", mentres sostén que "na medida" das súas "posibilidades" opta por contestar as preguntas que lle fan.

"TENDENCIA NEGATIVA" NO EMPREGO

Por outra banda, Paula Quinteiro (En Marea) alertou da "tendencia negativa" nos datos "desoladores" de traballadores na pesca en Galicia, xa que "cada ano pérdese emprego no sector". Critica que cando o PP chegou á Xunta hai unha década había preto de 25.000 afiliados ao réxime especial do mar, pero hoxe en día tan só uns 21.000, o que supón unha redución do 16 por cento.

En cambio, a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, María Isabel Concheiro, replicou que a perda de afiliados no sector do mar "foi menor no últimos dez anos" en Galicia que "durante os catro anteriores" do bipartito. Ademais, defende que "se mantén estable", cunha "alza desde xaneiro de 2015".

Pesca.- A Cámara pide que o Estado asegure na negociación do 'brexit' o acceso a caladoiros de Gran Sol e Malvinas. PARLAMENTO DE GALICIA
Pesca.- A Cámara pide que o Estado asegure na negociación do 'brexit' o acceso a caladoiros de Gran Sol e Malvinas. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta