Denuncian que os profesionais de Enfermaría "seguen sendo os máis agredidos" dentro da sanidade galega

O Sindicato de Enfermaría lembra que realizou campañas contra a violencia aos profesionais da sanidade desde o 2007, animando ás enfermeiras a denuncialas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2019 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

O Sindicato de Enfermaría (Satse) denunciou que os profesionais de Enfermaría "seguen sendo un ano máis o colectivo máis agredido" na sanidade galega. Así, Satse indicou que de 36.400.000 actuacións sanitarias en 2018, víronse afectados 521 profesionais, con 480 episodios de violencia externa, física ou verbal. "Un incremento importante se temos en conta que entre xaneiro e decembro de 2016 sucedéronse 226 episodios de violencia externa, con 244 profesionais afectados", concretou.

No caso do colectivo enfermeiro, Satse sinalou que tres de cada dez sufriron unha agresión física ou verbal. Un 30,8% das enfermeiras tido algún tipo de agresión, física ou verbal. Séguenlle os médicos cun 26,4% de casos de agresións, os TCAE cun 21,1% dos casos e os celadores cun 14,9%. "Unha vez máis, o colectivo feminino volve ser o que máis agresións recibiu cun 75%, fronte ao 25% do colectivo masculino", destaca Satse. Pola contra, en relación ao perfil do agresor, a maioría corresponde a homes nun 67%.

AGRESORES

A maioría dos casos é o propio usuario quen exerce a violencia cun 64%, seguido dos familiares ou acompañantes que a exerceron nun 36,1%. A maior parte os agresores non son reincidentes, abunda Satse. En canto ao tipo de agresións o 69,3% foron verbais, e unha 30,3% física e o 0,4% a bens. "Aínda que é certo, que hai que apuntar que no 99% das lesións rexistradas foron de carácter leve", afirma Satse.

En canto ás causas, esta central sindical indica que "adoitan ser o propio estado do paciente, a desconformidade co trato recibido, así como a discordancia nos trámites ou co tratamento". A maior parte das agresións levouse a cabo nas consultas ou despachos, cun 28,5% dos casos. Séguenlle a habitación do paciente, cun 23,8%, e as urxencias cun 12,7%. En canto ao que afecta directamente os profesionais de Enfermaría, o 6,7% das agresións leváronse a cabo no control de enfermaría.

A maior parte das agresións prodúcense no ámbito da Atención Hospitalaria con 323 casos, fronte aos 157 de Atención Primaria. Por provincias as que maior número de agresións rexistran, en 2018, son A Coruña con 210 agresións, seguido da de Pontevedra con 184; en terceiro e cuarto lugar Lugo e Ourense, con 42 e 33 casos respectivamente.

CAMPAÑAS

O Sindicato de Enfermaría lembra que realizou campañas contra a violencia aos profesionais da sanidade desde o 2007, animando ás enfermeiras a denuncialas. "Grazas a estas campañas conseguíronse algunhas melloras na previsión de agresións, pero, á vista dos datos, seguen sendo insuficientes para acabar con este problema", sostivo.

Unha das demandas da organización radica en que "se garanta a adecuada protección e asistencia xurídica dos sanitarios". Tamén defende que se regule a adopción de medidas cautelares ou provisionais no centro sanitario como consecuencia dunha conduta deste tipo contra un profesional.

Enfermeiro. A.CREUS E À.GARCÍA
Enfermeiro. A.CREUS E À.GARCÍA | Fonte: BANC IMATGES INFERMERES

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta