Proposta de En Marea para eliminar por lei a "rapina" dos fondos de investimento coa vivenda

Luis Villares reclamou a paralización de "todos" os desafiuzamentos e "garantir desde o público" o acceso a unha vivenda

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2019 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

En Marea inclúe no seu programa electoral para as xerais do 28 de abril limitar por lei a "rapina" dos fondos de investimento que "acumulan" vivenda e que supón "unha alteración seria do mercado" cuns prezos de aluguer "abusivos e desorbitados".

Así o indicou o portavoz do partido instrumental, Luís Villares, en declaracións aos medios antes de participar nun acto de campaña sobre vivenda no que estivo acompañado pola candidata ao Congreso pola Coruña, Ana Seijas, e a activista Nina Galván, de Stop Desafiuzamentos.

Villares asegurou que as políticas do PP en materia de vivenda resultaron "desastrosas" porque "desafiuzaron á mocidade da posibilidade de emanciparse". Tras lamentar que o PSOE "non reaccionase ata agora" sobre as necesidades de cumprir o artigo da Constitución sobre o dereito a unha vivenda digna, alertou de que existe un "dato moi preocupante" que reflicte unha alza nos desafiuzamentos por falta de pagamento de aluguer.

Deste xeito, puxo o foco en que o perfil deste tipo de desafiuzado é o de "xente moito máis nova, que ten un traballo precario e que da noite para a mañá queda sen emprego e non pode facer fronte ao pago da súa vivenda".

Para combater este problema, Villares reclamou a paralización de "todos" os desafiuzamentos e "garantir desde o público" o acceso a unha vivenda. Así mesmo, propón que os servizos sociais fagan "un seguimento" das persoas en risco de ser desafiuzadas para prestarlles apoio.

Así mesmo, En Marea quere "limitar" a capacidade dos fondos de investimento "para acaparar vivenda", xa que, en palabras de Villares, dáse "un fenómeno que produce unha alteración seria do mercado". "Acumulan vivenda, sácana ao mercado á súa conveniencia cuns prezos abusivos e desorbitados", aseverou.

Por último, expón a creación dun programa de vivenda pública de aluguer no que se depositen "todos os pisos baleiros do rescate bancario e que están en mans da Sareb". "Se rescatamos aos bancos, agora toca rescatar ás persoas", resolveu Villares.

Luís Villares
Luís Villares | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

pero Villares esqueceu que os que agora se chaman En Comun Unidas Podemos en Vigo non abriron a boca cando Abel subastou 40 pisos de propiedade municipal !!! Onde estaba En Marea cando a Marea de Vigo miraba cara outro lado e permitía o expolio do patrimonio da cidadanía en Vigo? Non sabe, non responde... (?) Xa está ben de aturar tantos SILENCIOS CÓMPLICES! https://flic.kr/p/usvFpZ