Renfe cancela 46 trens na 'operación saída' de Semana Santa por folga en Adif, 9 deles en Galicia

Os servizos mínimos fixados garanten o 95% das circulacións habituais.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 17/04/2019 | Actualizada ás 10:13

Comparte esta noticia

Renfe cancelou 46 trens dos inicialmente programados para este mércores pola folga convocada en Adif polo Sindicato de Circulación, coincidindo coa 'operación saída' de Semana Santa, nove deles en Galicia.

Do total de trens cancelados en toda España, 19 son trens AVE e de Longa Distancia, e os 27 restantes, de Media Distancia (rexionais), segundo informou a operadora. No caso concreto de Galicia, foron suspendidos os trens Vigo-Porto con saída ás 8,58 horas e o Porto-Vigo das 9,13 horas, así como o Ourense-Vigo das 19,13 horas.

A eles súmanse outro seis trens, tres en cada sentido, entre Vigo e Pontevedra. En concreto, os que saían da cidade olívica ás 7,25 horas, 12,10 e 17,25 horas e os que partían da cidade do Lérez ás 8,05 horas, 13,50 e 18,40 horas.

As circulacións suspendidas en España representan ao redor do 5% das programadas habitualmente por Renfe para este mércores, unha das de maior mobilidade de viaxeiros do ano polo arranque da Semana Santa.

Fontes de Renfe indicaron a Europa Press que "o 95% dos trens van circular", polo que a folga en Adif "vai ter pouca incidencia no servizo ferroviario".

SERVIZOS MÍNIMOS

Así, os servizos mínimos decretados ante estas convocatorias garanten o 95% dos servizos, segundo asegura a compañía ferroviaria.

Inicialmente, CC.OO. convocara tamén folga para este mércores en Adif, pero desconvocouna despois de recibir unha carta da Dirección de Recursos Humanos de Adif na que se informaba de que o novo convenio da compañía recibira o informe favorable da Comisión de Seguimento de Negociación Colectiva das Empresas Públicas.

Un tren de Renfe- Arquivo
Un tren de Renfe- Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta