A Xunta non esixirá usar o galego na Xustiza porque falalo "é un mérito, non unha obriga"

A administración recoñeceu a súa insatisfacción respecto o uso da lingua, situación que achacou en parte ao marco normativo existente no Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2019 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia recoñeceu a súa insatisfacción respecto a implantación e uso da lingua galega no sector da Xustiza, situación que achacou en parte ao marco normativo existente no Estado, aínda que rexeitou a aplicación de medidas "coercitivas" para potenciar a súa extensión e apostou por continuar traballando na formación e en accións de dinamización a favor do idioma.

Así o trasladou o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, durante unha pregunta do deputado nacionalista Luís Bará no marco da Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, celebrada este mércores na Cámara galega.

Bará apuntou a "desigualdade" que se produce no sector, onde o galego está presente en menos do cinco por cento da documentación, e advertiu da falta de medidas "efectivas" para de promoción e fomento do uso do idioma, como de aplicación informáticas que faciliten o emprego da lingua nos procesos xudiciais.

Así, lembrou algunhas das medidas incluídas no Plan Xeral de Normalización Lingüística que non se están aplicando, como un programa específico en materia de Xustiza, un órgano de coordinación e impulso e a creación de incentivos para os traballadores que o utilicen. "Os galego falantes atópanse cunha administración hostil e allea", lamentou.

Martín Álvarez recoñeceu que estes temas contan con "parte de certeza" aínda que apuntou que o marco normativo provoca unha "preminencia" do castelán respecto ao resto de linguas cooficiais, dado que na Lei orgánica do poder xudicial fálase de "posibilidades" de uso, pero que ante unha alegación de "descoñecemento" téndese a utilizar o idioma "que todos coñezan".

MÉRITO, NON OBRIGACIÓN

Neste sentido, lembrou que o coñecemento do idioma "non é obrigación", se non un "mérito", polo que a norma "pesa e pesa moito" na administración de Xustiza, polo que as medidas deben ir na vía da "formación" dos profesionais, a través das universidades.

"Non lle podemos dicir a un xuíz que empregue o galego", resolveu, aínda que si valorou que case 8.000 funcionarios están capacitados a través de máis de 400 cursos de capacitación lingüística e a "importancia" dos servizos de tradución á hora de fomentar o seu uso entre os traballadores.

Bará reclamou, respecto diso, que se o marco normativo "é responsable" haberá que "cambialo" e "quietar os obstáculos", criticando o mantemento dun sistema xudicial "absolutamente centralista".

SEDE ELECTRÓNICA

O director xeral de Xustiza tamén respondeu unha pregunta do grupo popular sobre a implantación e desenvolvemento da sede xudicial electrónica na comunidade autónoma, destacando que Galicia foi "a primeira" de todo o Estado en regular esta iniciativa.

Neste sentido, incidiu que para o Goberno galego é "primordial" avanzar nesta senda, para permitir a avaliación de documentación, a descarga de formulario e a presentación telemática de escritos sen que o cidadán teña que facelo a través dun avogado.

Así, en 2018 iniciáronse 270 procesos monitorios, 11.060 accesos de particulares e 4.126 por parte de profesionais, incidindo en que hai moitas ferramentas "plenamente instaladas", como o caso do sistema de gravación de vistas, o visor de expediente xudicial electrónico ou a firma dixital.

O visor, en concreto, tivo case 50.000 visitas, e a firma xudicial está incorporada en 136 órganos e en 162 salas de vistas, que son o 68 por cento do total. Así mesmo, a rede de videoconferencias está presente "en todos os partidos xudiciais" e a demanda "é masiva".

Comisión mixta de xustiza en Santiago.. XUNTA DE GALICIA
Comisión mixta de xustiza en Santiago.. XUNTA DE GALICIA | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

4 De Vox

Efecto Vox...

3 Eracheboa

Máis do mesmo. Ata acabar co galego non han parar.

2 Mariña

Falar galego cada día ten máis mérito, especialmente nun xulgado, ca garda civil/policia, nun hospital, en moitos concellos... Dereitos ningún pero mérito ten. A ver se algún día a Xunta e Madrid se quitan os complexos e fan que falar en galego sexa un privilexio ao alcance duns poucos (sí, que o privaticen!). Se cadra así algún snob ata se animaría a falalo...

1 Pitito

A ignorancia asume formas curiosas na Galiza, e unha é a da tolerancia represiva cara ó galego