En Común di que o PSOE non transferirá a AP-9 nin se enfrontará a Audasa

Yolanda Díaz lembrou que "o primeiro" que fixeron os deputados socialistas cando Pedro Sánchez chegou ao goberno foi "retirar automaticamente" as súas iniciativas relativas á autoestrada.

Por E.P. | VIGO | 17/04/2019 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

Os candidatos de En Común Unidas Podemos ao Congreso realizaron senllos actos simultáneos este mércores en distintos puntos da AP-9 para reclamar a "transferencia, nacionalización e gratuidade" desta infraestrutura "fundamental" para a Comunidade galega.

En Vigo, candidata de En Común Unidas Podemos pola provincia de Pontevedra, Yolanda Díaz, pediu este mércores ao PSOE "que deixe de enganar á xente" porque o ministro de Fomento, José Luís Ábalos, recoñeceu "por escrito" que o seu goberno non ten intención de transferir a Galicia a autoestrada AP-9, e subliñou que "nin PP nin PSOE van enfrontar a unha multinacional que se chama Audasa".

Así o trasladou, en declaracións aos medios, antes de manter un encontro con representantes veciñais das parroquias de Teis (Vigo) e Chapela (Redondela), e lembrou que "o primeiro" que fixeron os deputados socialistas cando Pedro Sánchez chegou ao goberno foi "retirar automaticamente" as súas iniciativas relativas á autoestrada.

Segundo apuntou, o ministro Ábalos "xa respondeu que non van transferir a AP-9, e o que é gravísimo, que non vai haber ningunha política de bonificación para Galicia", cando si se aplican noutros viarios de pago, como a A-7.

Yolanda Díaz proclamou que En Común Unidas Podemos é a única opción política que pode enfrontarse a Audasa porque "non lle debe nada", e apostou porque a autoestrada sexa nacionalizada. "Xa non é só que sexa galega, é que sexa pública, xa está suficientemente paga por todos os galegos", sentenciou.

Por outra banda, criticou que o Goberno non tomase medidas "de sentido común" e que só requiren "vontade política", como a instalación de pantallas acústicas nas parroquias de Teis e Chapela, ou a adecuación de accesos e saídas desde Torres de Padín.

GÓMEZ-REINO EN SIGÜEIRO

Ao mesmo tempo, o candidato ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez-Reino, atendía aos medios en Sigüeiro (A Coruña), onde instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a abandonar a "opereta política" na que, di, permanece instalado e "traballe polo autogoberno" para que a AP-9 "sexa transferida a Galicia dunha vez por todas" para que os galegos deixen de pagar "un prezo desorbitado" por circular pola autoestrada.

Tras pór o foco en que a Autoestrada do Atlántico constitúe "unha anomalía" nun Estado no que "a maioría de infraestruturas deste tipo son gratuítas", o líder de Podemos Galicia censurou que a AP-9 forma parte da "dinámica do bipartidismo, que sempre cando hai perdas asúmeo o público, e cando hai beneficios, son privados".

"Os galegos pagamos demasiado caras as portas giratorias vinculadas á AP9", insistiu o coruñés, que chamou a lograr "un goberno valente" capaz de facer "gratuíta" unha infraestrutura "amortizada" e que "continúa dando beneficios privados".

REPRESENTANTES VECIÑAIS

No seu encontro coas candidatas de En Común por Pontevedra, o portavoz dos veciños, Marcial Pérez, lembrou as demandas das dúas parroquias polas que discorre a autoestrada na súa entrada á cidade: converter en viario urbano o tramo desde Torres de Padín ao centro de Vigo, instalar pantallas acústicas e suprimir a peaxe de Rande-Redondela.

"Somos as únicas parroquias de España que temos que pagar por circunvalar unha cidade", advertiu, á vez que denunciou que "nin sequera" se cumpriu na súa totalidade a 'addenda' aprobada do convenio entre Fomento e Audasa para a ampliación da autoestrada, e que recolle a reposición de viarias e servizos na parroquia de Chapela. "Trátannos coma se fósemos unha favela", constatou.

28A.- En Común Pide Ao PSOE 'Que Deixe De Enganar' Porque Non Transferirá A AP-9 Nin Se Enfrontará A Audasa. UNIDAS PODEMOS
28A.- En Común Pide Ao PSOE 'Que Deixe De Enganar' Porque Non Transferirá A AP-9 Nin Se Enfrontará A Audasa. UNIDAS PODEMOS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Desmareado

Que o PSOE non nos vai transferir a AP-9 non é unha novidade, sabémolo e sabédelo de sempre, por exemplo, desde o 2016: https://www.google.es/amp/s/amp.far... Non conseguistes nada para Galicia a cambio de investir e apoiar a Sánchez así que non fagades campaña de novo co mesmo.