Piden a retirada de distincións e títulos honorarios outorgados a Manuel Fraga polo Concello de Ferrol

O BNG denuncia que "en Ferrol aínda persisten figuras de diferente tipo que lembran a ditadura franquista" .

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2019 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O BNG de Ferrol presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno de Ferrol, a celebrar 25 de abril, na que reclama que o Concello lle retire a distinción de 'Fillo Adoptivo' ao expresidente da Xunta Manuel Fraga Iribarne, que lle foi concedida en marzo de 1965. A través dun comunicado, o BNG tamén "esixe" que "se revisen as distincións honoríficas outorgadas durante a ditadura franquista, co fin de anular as que teñan vinculación con este réxime".

O portavoz municipal do Bloque, Iván Rivas, detallou que "a Lei da Memoria Histórica ten como finalidade recoñecer e ampliar dereitos, así como establecer medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a Ditadura".

Rivas estima que "esta lei, no seu artigo 15, establece que as administracións públicas, dentro do exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura".

TUMBA DA FAMILIA FRANCO

O BNG denuncia que "en Ferrol aínda persisten figuras de diferente tipo que lembran a ditadura franquista" e "privilexios como a propiedade da tumba do cemiterio de Catabois", propiedade da familia Franco, "que, a pesar de mocións aprobadas en pleno, continúan sen ser eliminados, mantendo ademais o Concello de Ferrol vixentes diversos títulos honorarios a figuras destacadas que deron lugar ao réxime totalitario", engade.

Ademais, Rivas sostén que manter estes nomes e estas distincións significa "manter co silencio os privilexios outorgados por un réxime opresor, que se caracterizou pola falta de liberdades e que promoveu valores totalmente opostos aos valores democráticos".

Por último, o tamén candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol manifestou que "é de xustiza, igualdade, respecto á pluralidade e á diferenza, de librarnos completamente dos vestixios do franquismo e o seu réxime, de finalizar cos silencios cómplices, e pola dignidade de deixar de loar por omisión unha ditadura fascista que provocou milleiros de mortos".

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez. | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta