Os golfiños, ameazados pola pesca de arrastre en Galicia

Un novo estudo do BDRI alerta do nivel preocupante de vulnerabilidade destes cetáceos ante as capturas accidentais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/04/2019 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

Unha inadecuada xestión das actividades pesqueiras, en particular da pesca de arrastre, pode causar un declive dramático na presenza de golfiños comúns na costa galega. Esta é unha das conclusións do último traballo científico do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) —con base no Grove—, publicado na prestixiosa revista Progress in  Oceanography.

Golfiños en augas de Galicia
Golfiños en augas de Galicia | Fonte: BDRI.

O equipo de científicos investigou as variables que condicionan a presenza e abundancia desta especie, tan común ata o momento, xunto ao nivel de interacción e vulnerabilidade dos golfiños ante as actividades de pesca na zona. Utilizáronse datos recollidos ao longo de 273 saídas de observación durante 38 meses entre os anos ano 2014 e o 2017. Percorréronse máis de 9.500 quilómetros no sur de Galicia e máis de 1 000 de observación que permitiron o avistamento de máis de 91 grupos de golfiños comúns, alcanzando no seu total os 4.963 exemplares.

Estudáronse os factores oceanográficos, topográficos e biolóxicos que condicionan a presenza e dimensión dos grupos de golfiños comúns nas augas galegas, onde cabe lembrar que o ano pasado por estas datas se observou un grupo con miles de exemplares.

Ademais destes factores, analizouse o grao de interacción entre actividades pesqueiras como o arrastre, cerco e pesca de enmalle para medir o nivel de vulnerabilidade desta especie ante estas actividades.

As análises relevaron que a magnitude da interacción existente entre pesca de arrastre e os golfiños foi significativa, o que supón un nivel preocupante de vulnerabilidade ante as capturas accidentais, que son a causa máis frecuente dos varamentos de golfiños comúns nas costas de Galicia (o golfiño común é a especie máis frecuente nos informes da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños en Galicia, CEMMA).

Os autores do estudo consideran que estes achados poden ser usados como un indicador relevante do grao de vulnerabilidade desta especie á presión humana, e a necesidade de modificar as medidas de xestión e manexo da pesca de arrastre a través dunha actividade máis sustentable que garanta que os golfiños comúns poidan seguir sendo “comúns” nas augas galegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta