O BNG quere "ser a voz dos gandeiros" en Madrid

As propostas para o medio rural son a consecución dunhas rendas dignas, o fomento da igualdade e a incorporación dos mozos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2019 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, elixiron este xoves Mazaricos (A Coruña) para explicar as súas propostas orientadas ao medio rural, baseadas na consecución dunhas rendas dignas, o fomento da igualdade e a incorporación dos mozos. Para iso, comprometéronse a "ser a voz dos gandeiros" no Estado tras o 28 de abril.

28A Ponton Medidas Rural. Visita Explotacion Mazaricos. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
28A Ponton Medidas Rural. Visita Explotacion Mazaricos. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Así, Ana Pontón reivindicou a importancia de que estes traballadores conten cunha "voz propia" en Madrid, dado que alí "se toman moitas das decisións en política agraria que lles afectan directamente".

A portavoz nacional do BNG lembrou que Galicia é "unha potencia agrogandeira", pero "necesita poder político para que os seus produtores lácteos non reciban o prezo máis baixo do leite" e para "desenvolver unha industria de transformación" e facilitar a "renovación xeracional das explotacións agrarias".

Nun Congreso que augura "sen maiorías", o BNG "demandará medidas para garantir rendas dignas aos produtores", unha cuestión para a que é necesaria "transparencia e intervención no mercado e apostar pola transformación para xerar valor engadido con liñas de apoio concretas".

Pontón fixo fincapé na importancia de "facilitar a renovación xeracional" e de "acabar coa discriminación da muller no campo". No primeiro caso, "con fondos suficientes e unha fiscalidade que non penalice a moza que recibe axudas públicas para incorporarse ao rural"; e, no segundo, con iniciativas a favor da igualdade das traballadoras no campo, en particular no relacionado cos ingresos e coa dificultade de acceso á copropiedade das explotacións.

90.000 EXPLOTACIÓNS MENOS

Pola súa banda, Néstor Rego lembrou que, desde a entrada na UE, Galicia perdeu 90.000 explotacións agrarias e avanzou que o BNG "proporá no Congreso un plan estratéxico para o sector agrario para a produción de carne e leite", así como medidas para mellorar as pensións mínimas.

"A nosa proposta é subir as pensións na mesma contía que o SMI de maneira progresiva ata igualar ambos os dous ao 60% do salario medio do Estado. Non é xusto que persoas que traballaron no rural 40 ou 50 anos agora cobren unha pensión mínima", destacou Rego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Avelaira

Un partido que tivo os votos de un de cada 4 galegos e actualemente está arredor do 3 por cento non parece que vaia ter moita voz. Estaria ben mirarse a un espello de vez en cando, podería axudar.