En Marea condiciona o seu apoio a un futuro Goberno a que anule a prórroga concedida "ilegalmente" a Ence

Villares acusa o PSOE de "complicidade" por non revogar a ampliación no Consello de Ministros e a Podemos, de "levar a calada por resposta".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 19/04/2019 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que a súa formación condicionará a formación de Goberno ao "respecto aos valores ecolóxicos e á decisión rápida, no primeiro Consello de Ministros, de anular a prórroga concedida ilegalmente a Ence polo PP". Villares asegurou que En Marea é "a única forza política galega que di alto e claro que quere a Ence fóra da ría de Pontevedra e que a quere fóra xa".

28A.- En Marea Condicionará A Formación De Goberno A Que Se Anule A Prórroga Concedida 'Ilegalmente' A Ence
28A.- En Marea Condicionará A Formación De Goberno A Que Se Anule A Prórroga Concedida 'Ilegalmente' A Ence | Fonte: Europa Press

Coincidindo coa xornada na que mundialmente se celebra o chamado 'Friday for Climate' -Venres polo Clima-, En Marea organizou unha ruta en barco polo fondo da ría de Pontevedra para denunciar a ampliación da concesión outorgada a Ence e que permaneza en Lourizán 60 anos máis, ademais de criticar os recheos portuarios do Porto de Marín, ou a situación do banco marisqueiro dos Praceres e a ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) nesta parroquia pontevedresa.

"Apostamos por un modelo sustentable, a utilización racional dos nosos recursos e, por iso, apoiamos o Friday for Climate, porque non hai un planeta B nin tampouco unha Galicia B", afirmou en Marín o cabeza de lista de En Marea ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Iris Malvido.

15-M DEMOCRÁTICO E AMBIENTAL

Ademais de proclamar a En Marea como "herdeira" do "15-M democrático" xurdido en 2011, Luís Villares asegurou que tamén agora o é do "15-M ambiental e ecolóxico" nado este ano "para reclamar a loita contra o cambio climático e a defensa do medio ambiente". Por iso, destacou que ambos os movementos se unen na ría de Pontevedra, onde tamén "a contaminación e a corrupción danse a man".

Así, Villares culpou a Ence da "contaminación das augas e do aire, e da imposibilidade do desenvolvemento racional da ría", ademais de atribuírlle "a corrupción do PP naqueles que a través das portas xiratorias sentaron no consello de administración da empresa", en alusión á ex-ministra Isabel Tocino e ao ex-conselleiro Carlos do Álamo. Luís Villares afirmou que a "presión política" exercida desde eses cargos "impediu que se poida adoptar a decisión de acabar con esta vergoña".

Ademais, acusou o PSOE de "complicidade cara aos poderes económicos", porque "nos últimos dez meses tivo na súa man a posibilidade de anular directamente e de oficio, no Consello de Ministros, unha prórroga que de xeito evidente era ilegal", por aprobala un goberno en funcións e porque as condicións nas que se deu "tampouco eran acordes ao ordenamento xurídico". Para Villares, a decisión do Goberno de achandarse ante os recursos xudiciais presentados responde a "motivos electoralistas".

AMBIGÜIDADE DE PODEMOS

Tamén arremeteu contra Podemos por "manterse ambigua e non dicir claramente que queren botar a Ence fóra da ría". Na súa intervención durante a ruta marítima, Luís Villares cualificou de "sorprendente" que Podemos, "que se dicía herdeira do 15-M e ambientalista, leve a calada e a evasiva por resposta", sinalou, vinculando esta actitude con que "hai partidos que envelleceron demasiado rápido e volveron aos vellos valores".

Neste sentido, ante a trintena de candidatos e simpatizantes que acompañaron o portavoz en En Marea nesta travesía, Villares reivindicou a esta formación como "a única que non se prega aos poderes económicos, mediáticos, nin a determinados lobbies de presión" e "a única que está a apoiar politicamente o 15-M ambiental".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cardioprotexido

Por favor... pero si non van salir... anda e non tiren o votiño o cubo do lixo!!!!