De Almería a Moscova, cinco viaxes para os socios dos Espazos +60 Afundación

Por Galicia Confidencial | | 20/04/2019 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

Afundación, a Obra Social de Abanca, dentro dos seus programas de envellecemento activo, ofrece ás persoas maiores de 55 anos a posibilidade de realizar unha serie de viaxes, tanto polo territorio español como internacionais, coa finalidade de promover un lecer cultural, saudable e un punto de encontro, comunicación e sociabilidade para os seus participantes.

Moscova
Moscova | Fonte: Wikipedia

A programación de viaxes deste ano inclúe un total de cinco destinos. A primeira saída será o vindeiro 23 de abril a Xaén e Almería, e continuará no mes de maio cunha viaxe a Bélxica e Holanda. Xa no mes de xuño os socios e socias dos Espazos +60 Afundación visitarán primeiro Cantabria e a final de mes, Moscova e San Petersburgo. A programación pecharase no mes de setembro con Atenas e illas gregas.

XAÉN E ALMERÍA

A primeira saída será a Xaén e Almería do 23 ao 29 de abril. O percorrido comezará en Xaén e os seus baños árabes (os maiores de Europa); o real convento de Santo Domingo, a catedral, o castelo de Santa Catalina ou as antigas murallas que rodeaban a cidade e continuará en Úbeda, Baeza e o seu conxunto histórico monumental, Martos, Alcaudete e o seu castelo medieval; Alcalá la Real, berce de Juan Ruíz Cisneros, Arcipreste de Hita e o conxunto monumental da fortaleza da Mota. O programa inclúe tamén estancias na Serra de Cazorla e Roquetas de Mar.

A viaxe continuará en Almería, a súa alcazaba e a súa catedral ao pé do Mediterráneo; visitarán o Cabo de Gata e o deserto de Tabernas, escenario da rodaxe dos soados espagueti western e finalizarán a súa ruta en Mojácar.

A ÁREA DE ENVELLECEMENTO ACTIVO DE AFUNDACIÓN

Afundación conta cunha rede de 11 espazos +60 na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol e nas localidades de Monforte, Betanzos, Viveiro e Pontedeume, con máis de 14.000 persoas socias. A Obra Social de ABANCA desenvolve a súa acción neste ámbito co reto de facilitar oportunidades para que as persoas maiores sigan desenvolvendo o seu proxecto vital a través de accións baseadas no modelo de envellecemento activo promovido pola Organización Mundial da Saúde (saúde, aprendizaxe permanente, participación social e seguridade). Estas accións deben responder as súas necesidades e expectativas e adaptarse aos novos e diversos perfís que se incorporan, cun maior nivel de instrución e de manexo da internet.

Deste xeito, os programas levados a cabo nos espazos +60 de Afundación desenvólvense cunha proposta de máis de 900 actividades programadas durante todo o ano, ao redor de cinco liñas de traballo: saber+, cultura dixital, hábitos saudables, expresión artística e lecer activo e relacional coa programación de viaxes nacionais e internacionais e visitas culturais a museos, rutas históricas e naturais ademais da celebración de festividades tradicionais. Así, para 2018 programáronse cinco viaxes das cales tres foron internacionais, a Italia (Nápoles e costa amalfitana), Alemaña (cruceiro polo Rhin) e os fiordes noruegueses e dous estatais, ao País Vasco e Castela e León, nos que participaron máis de 600 viaxeiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta