Temas: MAR AUGA

O 96% das zonas de baño de Galicia obtiveron unha clasificación excelente ou boa

Só oito de 507 puntos foron cualificados como insuficientes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2019 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

O 95,9% de todas as zonas de baño do censo oficial de Galicia obtivo unha clasificación sanitaria excelente ou boa durante a tempada de 2018. Así se desprende do informe final sobre o Programa de vixilancia sanitaria publicado recentemente pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Preto do 96% das zonas de baño de Galicia obtiveron unha clasificación excelente ou boa en 2018
Preto do 96% das zonas de baño de Galicia obtiveron unha clasificación excelente ou boa en 2018 | Fonte: Europa Press

Dos 507 puntos de mostraxe das zonas de baño incluídas no censo oficial, o 84,4% obtivo unha clasificación sanitaria excelente. Trátase da mellor clasificación desde 2011, o ano no que se comezou a empregar o sistema de cálculo da clasificación sanitaria actual adaptado á normativa europea e no que se alcanzou o 70,7%.

En 2018, o 11,4% das zonas de baño obtiveron unha clasificación boa e o 2,6% suficiente. Nesta tempada, só oito foron cualificadas como insuficientes.

Este dato, indica que para a tempada de 2019, só no 1,6% dos puntos de mostraxe analizados se deberá prohibir o baño ou recomendar non facelo, fronte ao 2,4% da tempada anterior.

A Xunta indica que "en xeral, se observa unha tendencia á mellora na calidade das augas de baño tempada a tempada", ao "aumentar a porcentaxe de praias con clasificación sanitaria excelente e diminuír aquelas con clasificación sanitaria insuficiente".

PROGRAMA DE VIXILANCIA SANITARIA

Dentro do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño elabórase cada ano un censo oficial. En 2018 figuraron un total de 489 zonas de baño con 507 puntos de mostra que se localizaron en 115 concellos. En total, recibíronse 5.408 mostras de auga.

Esta vixilancia é importante porque o uso recreativo das augas de baño pode ter perigos e riscos para a saúde dos usuarios. A contaminación bacteriana pode provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias nas persoas que se bañen en augas contaminadas.

Aínda que estas enfermidades raramente son graves, o número de persoas expostas pode ser elevado debido á tradición que existe en Galicia no uso de augas de baño.

Todos os episodios de contaminación foron comunicados aos concellos implicados. Galicia é a comunidade con maior número de puntos de mostraxe censados, cun 23% do total de España, seguida de Andalucía e Cataluña. As praias galegas representan o 2,3% das zonas de baño da Unión Europea.

Temas: MAR AUGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta