Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2019 | Actualizada ás 13:54
Cinco entidades sen ánimo de lucro subscribiron un manifesto en defensa dunha opción 100% vexetal nos menús que ofrecen os comedores escolares públicos en Galicia, pedindo á conselleira de Educación, Carmen Pomar, "que atenda a demanda dunha porcentaxe crecente da cidadanía".
A Asociación Animalista Libera, a Fundación Franz Weber (FFW), ProVeg International, Liberánima e a Associaçao Vexetariana Portuguesa asinaron unha carta dirixida á titular de Educación, tras meses de contactos coa Administración para "calibrar" o nivel de interese "nunha medida que está establecida en países como Portugal e Chile e que se facilita en estados como Francia e Reino Unido cando unha familia demanda un menú sen produtos de orixe animal".
O manifesto sinala que "o pulo da reivindicación dos dereitos para os animais (...), o crecente compromiso por desenvolver unha vida con menor impacto sobre o medio natural e a biodiversidade (...) son feitos que ningún poder público nin a Administración gobernamental poden obviar (...) requirindo respostas adecuadas".
"Unha recente enquisa da consultora Lantern sinalaba que polo menos un 9,9% da poboación maior de idade en España se alimenta fundamentalmente con produtos de orixe vexetal, onde unha de cada dez mulleres do país se declara vexetariana", explica a carta, segundo recollen Libera e a Fundación Franz Weber, quen engaden que "isto evidencia que os cambios alimentarios aumentan e refórzanse por esta parte".
Os animalistas e ambientalistas reclaman desta maneira que as empresas concesionarias ou os comedores de xestión directa poidan elaborar un menú "nutricionalmente equilibrado" pero excluíndo alimentos de orixe animal, como a carne.
Neste sentido, Libera e FFW recorreron ao Defensor do Pobo, "do que esperan unha resposta positiva que desmonte a rixidez coa que a Xunta deu resposta ás primeiras peticións", alegando que "non existe unha lei que obrigue a prestar unha igualdade de dereitos no acceso á alimentación en centros educativos" seguindo os criterios que si se aplican, por exemplo, en Euskadi co seu menú escolar vexetal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.