Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2019 | Actualizada ás 15:03
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou aos indecisos para que o 28 de abril opten pola formación nacionalista, porque a papeleta do Bloque ten "un premio extra", ao "garantir" a defensa de Galicia e frear a entrada da "dereita carca", "rancia e "antigalega" que representa "Vox e Ciudadanos", dixo.
Consciente de que o BNG disputará escanos na Coruña e Pontevedra con estas dúas formacións, Ana Pontón reiterou que "non fai falla ser nacionalista" para votar o Bloque "senón querer un futuro mellor para este país".
"O 28A os e as galegas temos a oportunidade de ser decisivos cun voto que ten un premio extra, porque co voto ao BNG defendemos Galicia, defendemos dereitos sociais, liberdades públicas e democracia, pero tamén se impide que haxa un só escano da dereitona rancia, machista e antigalega, á que lle estamos disputando escanos non só na Coruña senón tamén en Pontevedra, a esa dereita que representan Vox e Ciudadanos", argumentou.
Nun acto celebrado na Coruña, Pontón, ante a porcentaxe moi alta de voto aínda sen decidirse, dirixiuse aos indecisos que "teñen preocupación e non saben aínda a quen votar", aos que lembrou que para optar polo Bloque non fai falla ser nacionalista.
"O único que se necesita é levar Galicia na cabeza e no corazón, querer que este país teña un futuro mellor e acabar cun trato discriminatorio que nos impide saír adiante e ter un futuro máis esperanzador", resaltou.
No entanto, a portavoz do BNG non quixo entrar a valorar as enquisas, nin as que lle "gustan menos", nin as que lle "gustan máis", máis aló de que confirmen "un BNG en remontada" que vai "ser a sorpresa destas eleccións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.