O BNG exhibe a súa afinidade con EH Bildu no Aberri Eguna en Pamplona

O Bloque estivo representado polo concelleiro en Santiago e membro da Executiva Nacional, Rubén Cela.

Por Europa Press / Redacción | Pamplona | 21/04/2019 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O BNG sumouse este domingo ao acto político de EH Bildu celebrado en Pamplona polo Aberri Eguna (Día da Patria Vasca), coa presenza do concelleiro en Santiago e membro da Executiva Nacional do BNG, Rubén Cela, quen asegurou que España "é un Estado fracasado".

Rubén Cela (dereita), do BNG, no acto político de EH Bildu celebrado en Pamplona polo Aberri Eguna
Rubén Cela (dereita), do BNG, no acto político de EH Bildu celebrado en Pamplona polo Aberri Eguna | Fonte: Rubén Cela en Twitter.

Cela remarcou que España "é un Estado fracasado, tamén como Estado democrático e social" porque "nega o noso dereito inalienable como pobos a decidir sobre o noso futuro". Un Estado, dixo, "onde non existe separación de poderes, as cloacas trufan todo o Estado e a corrupción é sistémica" e "onde o galego, o eúscaro e o catalán non son entendidos como unha riqueza, senón como unha ameaza que hai que combater".

"Un Estado con presos políticos, con exiliados, con deportados e con extorsión" que "está máis tocado que nunca e as súas últimas rabexadas non son máis que un síntoma de debilidade e non de fortaleza". Así, censurou o "infantilismo político" de colocar "a 'rojigualda' e o Borbón de fondo" na rolda de prensa de Jordi Sánchez e Oriol Junqueras desde prisión.

Ademais, destacou que "a esquerda española nin está nin se lle espera porque, tras unha retórica rupturista e plurinacional, o único que hai é unha práctica continuista e centralista" con "silencios enxordecedores e equidistancias imposibles".

Rubén Cela afirmou que "para Euskal Herria, para os paisos catalans e para Galicia, os estatutos de autonomía non son un traxe que nos vinga curto, son unha camisa de forza" e o 28 de abril "teremos unha gran oportunidade para comezar a desabrochar esa camisa de forza".

O líder de EH Bildu, Arnaldo Otegi, participou neste acto político en Pamplona, ao finalizar a manifestación que a coalición convocou na capital navarra polo Aberri Eguna). Un acto que contou tamén coa participación da candidata navarra ao Congreso Bel Pozueta, os representantes de ERC Jordi Solé e Marta Vilalta, que leu unha carta de Oriol Junqueras; así como do propio Rubén Cela, do BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta