Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2019 | Actualizada ás 19:30
A CIG valorou "positivamente" a proposta do conselleiro do Medio Rural, José González, para a creación de 549 postos de traballo para todo o ano de bombeiros forestais, que se negociará esta semana dentro do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF).
O sindicato sinala que as prazas previstas se achegan á proposta presentada pola CIG ante o Parlamento de Galicia para a duplicación de brigadas de prevención e extinción de incendios.
A CIG sostén que "dado o aumento da virulencia e a extensión dos incendios forestais en Galicia, a súa frecuencia e que non se limitan a campañas concretas, faise necesario un corpo permanente e profesional de bombeiros forestais en Galicia" que debería ser "100% público".
Segundo a documentación achegada aos sindicatos, a Consellería do Medio Rural crearía 549 postos de 12 meses, que viría substituír e ampliar as tarefas na prevención e extinción que realizaba a empresa pública SEAGA.
A CIG convocou unha manifestación o 24 de abril ás 11,00 horas, co fin de que "o tempo traballado en SEAGA puntúe para as listas da Xunta e que se recoñeza a profesionalidade do persoal de reforzo que era contratado ata agora pola empresa pública".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.