Axudan realmente as aplicacións de Internet a decidir o voto?

Nos últimos anos a proliferación deste tipo de ferramentas web de preferencia de voto é notable. O debate está se son fiables, se utilizan unha técnica correcta para a obtención dos seus resultados e se non representan dun xeito deliberado a certos partidos políticos, como é o caso dos galegos.

Por Brais Nogueira | Compostela | 24/04/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Amparados polo impulso das redes sociais e das novas tecnoloxías dos últimos anos, os test online para coñecer a que partido votar estanse a converter nunha ferramenta cada vez máis asentada. Xa sexa como opción recreativa ou cun uso para solucionar dúbidas, este tipo de cuestionarios son moi utilizados, sobre todo pola mocidade. Ante a súa presencia preséntase a dúbida de se son fiables ou sequera están ben enfocados.

A proliferación de partidos políticos fai que moitas persoas non sexan quen de encadralos
A proliferación de partidos políticos fai que moitas persoas non sexan quen de encadralos | Fonte: EP

Polo xeral, este tipo de actividade sempre responde a unha dinámica similar. A partir de premisas con contido político onde confrontan os diferentes partidos, o usuario debe elixir en que grado está de acordo co enunciado presentado. Ao dar a coñecer o resultado, é habitual que este estea plasmado sobre un diagrama de Nolan, un gráfico que parte dunha relación de coordenadas baseada nas opinións económicas e persoais e que ten como consecuencia os eixos progresista-conservador e autoritario-liberal.

Todas estas aplicacións teñen un fin parecido, pero chegan ás mans dos usuarios de diferentes formas. Hai test nos que soamente se busca averiguar unha ideoloxía e outros que se venden simplemente como ferramentas para averiguar o voto. Neste tipo de ferramentas tamén poderían entrar os comparadores de programas entre diferentes partidos políticos.

Respecto a fiabilidade dos resultados, os usuarios teñen opinións encontradas. Miguel García, estudante de comunicación audiovisual, explica que nese aspecto si que está satisfeito. “Nas ocasións na que o fixen, sempre saíron opcións coherentes, ou ben a posición política que tiña no seu momento ou unha moi similar”. Pola contra, Pablo Lourido, estudante de ciencias políticas, a meses de graduarse, opina o contrario. “Non me saíu o que eu pensaba, pero porque un voto non pode configurarse soamente co que opino sobre ese tipo de premisas. Ademais as cousas encádranse a partir dun algoritmo, que poderá estar ben ou mal”.

CONSECUENCIA DO AUMENTO DE PARTIDOS

Aurora Rodríguez, outra moza máis que é asidua deste tipo de ferramentas, considera que o aumento do seu uso débese a que aproveita moi ben un formato “ligado ás novas tecnoloxías”. Ademais válese de que en moitas ocasións “hai moitas dificultades para adoptar un rumbo fixo no que a voto se refire”, conclúe.

A penetración de internet nas nosas vidas fai que ata a decisión do voto vaia por esa vía
A penetración de internet nas nosas vidas fai que ata a decisión do voto vaia por esa vía

Lourido vai por un camiño semellante. “A súa proliferación débese a que nos últimos tempos a xente volveu a ser moi apática coas eleccións e se antes se interesaban polo que os partidos dicían, agora queren cousas máis simples. Tamén porque agora hai máis partidos e iso causa unha maior confusión”, reflexiona. García incide no tema dos partidos políticos: “Pola súa rápida aparición, en numerosos casos a xente non os sabe encadrar”, afirma.

UTILIDADE A DEBATE

Máis escepticismo hai sobre se é realmente unha boa ferramenta para decidir o voto ou non. Para Rodríguez é unha ferramenta “ visual e difusa ao mesmo tempo, porque ensina moitas cousas pero ao non ter contexto ás veces é complicado de sacar conclusións a través del”, en referencia ao diagrama de Nolan que se utiliza normalmente neste tipo de cuestionarios. Lourido é aínda máis contundente: “Non me parece útil para decidir un voto, soamente lle vexo un valor estatístico, e incluso non me parece demasiado fiable para iso”.

“Ao final o que fai o algoritmo é asumir certos elementos arquetípicos das esquerdas e das dereitas pero non ten por que acertar, como en temas da inmigración ilegal”, exemplifica o estudante de políticas. Para García tampouco ten utilidade porque para el “as preguntas están moi ben escollidas, pero este tipo de test é demasiado simple para coñecer a túa liña política. Ademáis, funciona sobre dicotomías que tamén me parecen insuficientes, como a de esquerda-dereita”.

GALICIA SEN PESO NO ESTADO

Na meirande parte dos cuestionarios, os partidos galegos non están representados, como é o caso de En Marea ou o BNG. Para Lourido isto obedece a unha falta de peso de Galicia no Estado. “Pode ser un acto deliberado nalgún caso concreto, pero ao final todo o que ocorre nestes test responde a á relevancia e os partidos galegos nunca foron relevantes”, explica. No mesmo sentido exprésase García: “Penso que responde a que no Estado aos partidos galegos non se lles coñece, con Euskadi houbo un conflito durante moitos anos e con Cataluña hai un moi mediático nestes momentos. Galicia non se atopa nun momento similar e creo que responde a iso, non a unha censura deliberada cara aos partidos galegos”.

Alén representación de Galicia nos devanditos formularios, a Rodríguez preocúpanlle outros asuntos de fondo. “A min o que me chama a atención é que salvo a un perfil moi politizado, á xente non proteste porque non haxa partidos galegos nos test e iso é un problema que vai máis aló das propias eleccións, é algo que se relaciona directamente coa configuración de Galicia no Estado”, reflexiona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta