A parella galega asasinada nos atentados de Sri Lanka foi identificada por unhas tatuaxes

Os ataques causaron 290 mortes e máis de medio milleiro de feridos. Os presidentes do Goberno central e galego, Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, Pablo Casado (PP), Albert Rivera (Ciudadanos) e Irene Montero (Podemos) expresan o seu pesar por estas mortes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2019 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

Unha parella galega está entre os falecidos nos atentados que tiveron lugar o pasado fin de semana en Sri Lanka, nos que houbo polo menos 290 persoas e producíronse máis de medio milleiro de feridos. Segundo informou o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, á Radio Galega, ambos son trinteañeiros veciños do municipio e atopábanse de vacacións no país.

Atentados en Sri Lanka
Atentados en Sri Lanka | Fonte: RTVE.

O alcalde explicou que as familias recibiron a noticia por parte de fontes diplomáticas este luns, tras confirmar "a través dunhas tatuaxes" a identificación dos falecidos. O Ministerio de Exteriores confirmou, a través do seu persoal da embaixada de España en Delhi desprazada á zona, os dous falecementos.

O rexedor coñecía a ambos os dous falecidos. Trátase de María González Vicente e Alberto Chaves. Ela, de 32 anos, traballaba nunha empresa do seu pai, en Padrón, dedicada á rotulación de textil, mentres que el era natural de Rianxo (A Coruña), de 31 anos e traballaba nunha empresa de conxelados de Vigo que ten sede na India, segundo informaron fontes de Profand a Europa Press. 

A muller visitou a súa parella na India e decidiron aproveitar uns días de vacacións para viaxar a Sri Lanka 

A embaixada realiza as xestións para obter á "máxima brevidade" os certificados oficiais por parte das autoridades xudiciais de Sri Lanka.

Agora prevese levar a cabo un pleno extraordinario en Pontecesures para decretar tres días de loito e unha concentración de duelo. Juan Manuel Vidal remarca que este é "un shock difícil de encaixar".

Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra mostrou a través das redes sociais as súas "condolencias" polas mortes destes dous mozos, "vítimas do despropósito do terrorismo".

MENSAXES DOS POLÍTICOS

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, lamentou este luns a morte da parella galega nos atentados de Sri Lanka. "O noso corazón está con todas as vítimas deste cruel ataque", engadiu.

O xefe do Executivo explicou a través da súa conta de Twitter que a Embaixada española na India está "a realizar xestións para axilizar os trámites necesarios" para a repatriación dos corpos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tamén expresou en Twitter o seu "Pesar pola confirmación do falecemento dunha parella de Pontecesures nos atentados de Sri Lanka". "O noso cariño para os seus familiares e amigos. Seguiremos unidos fronte á senrazón do terrorismo, que pretende derribar os nosos valores", engadiu.

Tamén o presidente do Partido Popular, Pablo Casado, asegurou que lle "enche de dor" coñecer a morte dos dous cidadáns galegos. "O meu sentido pésame e unha forte aperta aos seus familiares e amigos. Estamos con eles nestes momentos de enorme tristeza", escribiu a través da súa conta de Twitter.

A 'número dous' de Podemos, Irene Montero, cualificou de "triste noticia" a "perda" dos mozos. "Todo o meu agarimo e forza para a familia", escribiu a dirixente da formación morada na mesma rede social.

Pola súa banda, o presidente de Ciudadanos, Albert Rivera, enviou o seu "máis sentido pésame" e todo o seu agarimo "aos familiares e achegados " dos falecidos. "Moita forza. Non pararemos ata derrotar ao fanatismo e ao terrorismo. DEP", engadiu.

O Goberno de Sri Lanka indicou este mesmo luns que cre que os atentados foron perpetrados por milicianos islamitas locais coa axuda dunha "rede internacional". En concreto, os ataques foron perpetrados por sete terroristas suicidas contra igrexas e hoteis de luxo.

DÍAS DE LOITO

O Concello de Pontecesures (Pontevedra) celebrará este martes un pleno extraordinario (12,30 horas) para declarar tres días de loito pola parella veciña do municipio falecida nos atentados terroristas de Sri Lanka.

Diso informou a Europa Press o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, tras a reunión mantida na tarde deste luns cos grupos municipais. Así mesmo, a partir das 20,30 horas do martes terá lugar unha concentración no centro do municipio co fin de mostrar a solidariedade coas vítimas e en contra do terrorismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 antiyihadista....

Non o terrorismo!!!! non o I$i$!!!!