Galicia leva doce anos agardando pola protección de máis de 70 especies en perigo de extinción

Desde a aprobación do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, a Xunta só activou plans para a conservación de tres especies. Outras están case desaparecidas. “De seguir así farían falla máis de 1700 anos para que as especies máis sensíbeis e amezadas da natureza galega dispuxeran das ferramentas que establece a lei", din os ecoloxistas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/04/2019 | Actualizada ás 22:33

Comparte esta noticia

O vindeiro mes fanse doce anos desde a entrada en vigor do Catálogo Galego de Especies Ameazadas da Xunta. Un catálogo que inclúe case 200 especies de flora e fauna vulnerable, das que máis de 70 están en perigo de extinción. Entre as máis vulnerables están a pita do monte e a balea vasca, que xa se cren extintos. Pero hai outros como a píntega, a águia real, o cangrexo de río, o acivro ou a pardela balear en serio risco.

Acivro en flor
Acivro en flor | Fonte: Adega

En España, o Ministerio competente en Medio Ambiente desenvolveu o actual Catálogo Nacional de Especies Amenazadas (CNEA)  xunto co Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. No que atinxe a Galicia, a Xunta de Galicia regulou o seu propio catálogo de especies ameazadas mediante o Decreto 88/2007, de 19 de abril.

Pero, que criterio taxonómico se segue nos catálogos?. Os catálogos de especies ameazadas non se limitan a incluír estritamente especies nas súas categorías, senón que son tamén de aplicación ás subespecies ou ás poboacións de fauna e flora silvestre que se encontran nunha situación de ameaza. “A finalidade é preservar as diferenzas na ecoloxía de poboacións que puideron dar lugar a cambios na súa morfoloxía, ciclo vital ou comportamento, e que poden asociarse con variacións xenéticas”, asegura a Consellería de Medio Ambiente.

Por iso, o Catálogo galego de especies ameazadas recolle como categorías das especies ameazadas as que están en perigo de extinción e as vulnerables. Este catálogo destaca a necesidade de elaborar plans de recuperación para as especies en perigo de extinción, nos que se definirán as medidas necesarias para eliminar tal perigo e plans de conservación para as especies vulnerables, que incluirán, se é o caso, a protección do seu hábitat.

QUE SE FIXO ATA AGORA?

Pero desde que o goberno galego aprobou este catálogo o seu traballo para a preservación destas especies foi case nulo. Desde o 2007 só incorporou cinco especies máis na actualización do listado realizada en 2011 e aprobou tan só plans para a conservación de 3 especies: o sapoconcho común e a escribenta das canaveiras, en 2013, e a píllara das dunas, no 2014.

Balea azul
Balea azul | Fonte: Gorka Ocio - Verballenas.com.

“De seguirmos a este ritmo, farían falla máis de 1700 anos para que as especies máis sensíbeis e amezadas da natureza galega dispuxeran das ferramentas que establece a lei para a súa recuperación e conservación”, denuncia a asociación ecoloxista Adega na celebración do Día da Terra que tivo lugar este 22 de abril. 

Os ecoloxistas alertan de que estamos no maior periodo de extinción de especies dos últimos 60 millóns de años. Normalmente, cada ano extínguense entre 1 e 5 especies. “Arestora, estímase que estamos perdendo especies entre 1.000 e 10.000 veces a taxa normal, con múltiples extincións diarias”, apuntan.

SERIA AMEAZA

A destrucción do hábitat, a explotación e o cambio climático están detrás da perda da metade das poboacións de animais salvaxes do mundo. E, os últimos estudios non fan máis que recoller unha realidade. Así, o 40% das especies de aves do mundo están en declive, e 1 de cada 8 está en perigo de extinción a nível mundial. 

Ademais, preto do 60% das 504 especies de primates do mundo están en perigo de extinción, e o 75% amosan unha grave diminución da poboación e nos últimos 20 años, arredor do 75% de todas as especies de baleas dentadas (golfiños,candorcas...) e  o 65% das especies de baleas con barbas (xibarta, azul), e o 65% dos pinnípedos (focas) foron afectadas polas operacións de pesca a nível mundial.

O desleixo pola nosa biodiversidade da Xunta é pois evidente, agravada polo feito de que moitas destas especies contan dende 2009 cos planos de recuperación/conservación licitados, elaborados e entregados, cun custo de milleiros de € de cartos públicos, e levan máis de 10 anos durmindo nunha gaveta sen que a Xunta tivera interese por levalos ao DOG”, critica Adega.

“FENÓMENO NATURAL”

Con todo, desde a Xunta apuntan que a extinción de especies é un “fenómeno natural” que ocorreu desde o inicio da evolución da vida no planeta. “Porén, a taxa de desaparición á que se enfrontan actualmente as especies é cada vez maior, sobre todo a causa das actividades humanas, situación á que non é allea Galicia”, di a Consellería de Medio Ambiente.

Por iso, destaca que, na actualidade, o programa de especies ameazadas contempla o seguimento de especies, a súa catalogación, a elaboración de plans concretos e proxectos de conservación e de recuperación de especies ameazadas. Pero os feitos apuntan a que, a pesar do que recolle a normativa, en doce anos só se realizaron plans concretos para tres especies.

Píntega atopada en Boiro
Píntega atopada en Boiro | Fonte: wikipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Carvalho

O galegofalante non está na lista???

1 xivi

definición de troll: Non se leu o artigo porque non nteresa nada o que pon e artella unha frase de cunhado