Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/04/2019 | Actualizada ás 14:00
O presidente do Partido Popular, Pablo Casado, volveu colocar o aborto no centro do debate público ao tentar estigmatizar as mulleres que deciden interromper o embarazo e pretender rachar o consenso acadado en España para retroceder tres décadas, derrogando a lei do aborto de prazos, aprobada en 2010 e recorrida no Tribunal Constitucional polo PP, para volver á de supostos, de 1985, se Casado é elixido presidente do Goberno central. Pero, que din os médicos da interrupción voluntaria do embarazo? Que actitude adoptan ante estes casos? É realmente un problema de conciencia para eles a lei do aborto? Un estudo asinado por investigadoras da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela afirma que a maioría dos futuros médicos galegos non obxectarían ante casos de aborto amparados pola lei; ou dito doutro xeito, a maioría estaría disposto a practicalo.
O estudo realizouse mediante unha enquisa a 350 estudantes de segundo e quinto curso do Grao de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, no curso académico 2017-2018. O obxectivo: coñecer se os futuros médicos de Galicia exercerían a obxección de conciencia na práctica da interrupción voluntaria do embarazo.
Os resultados indican que sete de cada dez estudantes de Medicina (70,8%) non se declararían obxectores de conciencia ao aborto. E se as persoas enquisadas exercesen profesionalmente as especialidades de obstetricia e xinecoloxía, o 70,8% non obxectaría a interrupción voluntaria do embarazo, mentres que só un 16,3% si o faría.
É máis, o 64,9% tamén recoñece que unha obxección de conciencia exercida por unha ampla porcentaxe de profesionais da saúde pode facer perigar o dereito constitucional das pacientes á protección da súa saúde. E o 70,0% admite que a derivación das xestantes á sanidade privada ou a centros públicos afastados do seu lugar de residencia, como consecuencia da obxección de conciencia médica, comporta efectos negativos sobre as mulleres que deciden interromper o seu embarazo.
O estudo incide en que a derivación destas xestantes á sanidade privada, como consecuencia da obxección de conciencia dalgúns médicos, “é un importante problema en España, en xeral, e en Galicia en particular, fronte ao cal se observa que o futuro persoal médico mostra unha elevada predisposición a non obxectar esta práctica sanitaria, o que facilitaría a súa solución nun futuro próximo”.
O número de estudantes de Medicina que obxectarían esta práctica sanitaria é minoritario, aínda que aumenta a medida que avanza o embarazo. Durante as primeiras 14 semanas obxectaría un 8,8% do colectivo enquisado; entre as 14 e as 22 faríao un 15,8%; da semana 22 en diante obxectaría o 26,3%; e un 31,6% faríao con independencia de cal fose a fase de xestación.
O 18% cre desacertado recoñecer a obxección ao aborto e o 76,2% dos que están en contra deste recoñecemento móstrase favorable a prohibir o exercicio deste dereito.
De todos os enquisados, o 72,9% está a aprol de que os médicos teñan dereito a declararse obxectores de conciencia, ao 61,7% parécelle razoable que se exerza este tipo de obxección de conciencia, aínda sendo conscientes de que antes de acceder ao seu posto de traballo xa coñecen que a interrupción voluntaria do embarazo é unha prestación sanitaria incluída na carteira de servizos do sistema público de saúde. E o 51,4% mantén unha postura favorable a ampliar a cobertura do dereito de obxección de conciencia do persoal médico a calquera práctica sanitaria.
Así mesmo, o 44,0% do alumnado enquisado cre que é máis doado exercer o dereito de obxección de conciencia á interrupción do aborto na sanidade privada, fronte ao 42,0% que estima que é máis sinxelo exercelo na sanidade pública.
Respecto á obxección de conciencia, en xeral, os datos mostran que o 85,7% do alumnado enquisado protestaría ante a obrigatoriedade dunha práctica sanitaria que entrase en confrontación coas súas conviccións persoais para tentar que se lles eximise da execución dunha práctica médica. Destes, o 64,3% considera que a exteriorización da súa protesta serviría para conseguir a exención pretendida.
Sobre a extensión do dereito de obxección a outros colectivos, a maioría das persoas enquisadas non considera adecuado estender este dereito a outros profesionais da saúde; en concreto, o 78,6% non acepta que unha oficina de farmacia se poida negar a dispoñer e dispensar a pílula do día seguinte.
LEI DO ABORTO
O dereito do persoal médico a obxectar en conciencia á interrupción voluntaria do embarazo está recoñecido na lexislación no artigo 19.2 da Lei 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.
Aínda que a propia lei establece que o exercicio da obxección de conciencia non pode menoscabar o dereito á interrupción voluntaria do embarazo, “este principio non se está aplicando na práctica e con frecuencia prodúcense conflitos cos consecuentes prexuízos para as embarazadas, entre os que se atopan a demora na prestación e o consecuente risco para a saúde das xestantes”, explícase no estudo.
“Estes conflitos maniféstanse de forma clara en Galicia, onde a falta de capital humano non obxector provocou en diversas ocasións que as xestantes fosen derivadas –en función da fase de xestación– a centros privados, mesmo fóra de Galicia, sendo algúns dos casos moi controvertidos e difundidos a través dos medios de comunicación”, describen as autoras da enquisa.
As investigadoras lembran que “xestionar o acceso á interrupción voluntaria do embarazo, cando se produce unha declaración de obxección de conciencia a esta práctica, é competencia da Administración, e a mala xestión desta obriga é considerada a miúdo como unha actuación neglixente”.
A obxección de conciencia ao aborto “acaba sendo un instrumento útil para eludir a responsabilidade dos profesionais ante a súa incapacidade de deixar as súas conviccións á marxe do exercicio da súa profesión dentro da función pública”, o cal é considerado, por estas investigadoras, un “fallo no servizo público”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.