Loito en Galicia pola morte dunha parella de Pontecesures e Rianxo nos atentados de Sri Lanka

A localidade pontevedresa e Rianxo decretan tres días de loito oficial polas vítimas e lamentan esta "violencia inxustificable".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2019 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

Galicia mostrou este martes a súa "enérxica repulsa" aos atentados de Sri Lanka nos que o pasado domingo perderon a vida polo menos 290 persoas, entre as cales se atopan dous mozos veciños da localidade pontevedresa de Pontecesures, polo que se levaron a cabo ao longo de toda a xeografía galega diferentes actos en "condena" desta "barbarie".

O Concello de Pontecesures (Pontevedra) garda un minuto de silencio pola morte dunha parella de galegos en Sry Lanka. Europa Press - Europa Press
O Concello de Pontecesures (Pontevedra) garda un minuto de silencio pola morte dunha parella de galegos en Sry Lanka. Europa Press - Europa Press | Fonte: Europa Press

Os falecidos son María González Vicente (32 anos) e Alberto Chaves (31). Ela era natural de Pontecesures, mentres que el era de Rianxo (A Coruña) e veciño de Pontecesures. María González, que traballaba nunha empresa da súa familia en Padrón (A Coruña), foi visitar a súa parella, empregado de Profand, unha empresa de conxelados de Vigo que ten sede na India. Ambos atopábanse de vacacións nun hotel de Sri Lanka cando se produciron os atentados.

Por iso, este luns o concello de Pontecesures decretou nun pleno extraordinario tres días de loito oficial polas vítimas. Desta maneira, o alcalde da localidade, José Manuel Vidal, leu unha declaración institucional, asinada por todos os grupos políticos, na que condenou "esta violencia inxustificable que rompe o máis inquebrantable alicerce da democracia, que é o dereito á vida".

"O concello quere expresar a súa solidariedade coas familias dos veciños falecidos. A súa dor é a dor do pobo de Pontecesures", expresou o rexedor, quen engadiu que a corporación local se compromete a axudalos de forma "incondicional e ilimita".

Vidal expresou a pena "de toda a vila" e lamentou que aínda quedan entre sete e nove días para a repatriación dos corpos. "O procedemento a seguir vén marcado polos prazos que establece o consulado e a embaixada", explicou.

"Creo que ter os corpos dos seus fillos para velalos e enterralos axudaría un pouco a mitigar a dor das familias", indicou o alcalde, quen asegurou que ambas as familias están "esnaquizadas" xa que "foi un mazazo importante". "Toda a vila está a tratar de recuperarse deste pau", sentenciou.

Ademais, este luns a partir das 20,30 horas levarase a cabo no concello pontevedrés unha concentración veciñal en repulsa dos atentados que acabaron coa vida dos dous mozos, á cal asistirá a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.

BANDEIRAS A MEDIA HASTA

Tamén Rianxo decretou tres días de loito oficial polas vítimas, xa que Alberto Chaves era nativo da localidade, polo que as bandeiras ondearán a media hasta. O seu rexedor, Adolfo Muiños, lamentou os atentados e mostrou a súa solidariedade coas familias dos falecidos.

Neste sentido, o municipio coruñés levou a cabo un acto na praza do concello a partir das 12,00 horas deste martes no que asistiron preto de 200 veciños para gardar un minuto de silencio polas vítimas.

Muiños deu as grazas, ademais, ao concello de Padrón, xa que, a pesar de ser o día de Rianxo nas festas de Padrón, "suspendéronse todos os actos".

INSTITUCIÓNS

Pola súa banda, o Parlamento de Galicia tamén levou a cabo un minuto de silencio ás 12,00 horas deste martes en memoria das vítimas galegas dos atentados perpetrados a pasada fin de semana en Sri Lanka. A concentración realizouse tras a Xunta de Portavoces dentro da escalinata interior do edificio do Hórreo, debido ás condicións climáticas.

O presidente do Parlamento, Miguel Anxo Santalices, expresou as súas condolencias aos familiares e amigos dos falecidos, á vez que se mostrou convencido de que "xamais o terrorismo logrará dobregar ás sociedades e ás persoas de ben". Tamén enviou o seu pésame aos alcaldes de Pontecesures e de Rianxo.

Ademais, á mesma hora, a Xunta de Galicia levou a cabo un minuto de silencio por María González Vicente e Alberto Chaves.

No acto, que se desenvolveu na porta da Presidencia do edificio administrativo do Executivo autonómico en Santiago de Compostela, estiveron presentes, entre outros, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, así como o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

Así mesmo, a ministra de Defensa, Margarita Robles, quixo enviar este martes "unha aperta moi cariñosa" á familia de María e Alberto e asegurou que este atentado "demostra que o terrorismo segue sendo unha ameaza mundial e por iso é tan importante o compromiso que ten España e as súas Forzas Armadas nas distintas misións de paz nas que están a participar ao longo do mundo".

Ditas manifestacións realizounas en Ferrol, durante un paseo de campaña por esta cidade, onde estivo acompañada de diversos responsables do PSdeG. "Non podía estar hoxe aquí, en Ferrol, en Galicia, sen enviar esa aperta á familia de María e Alberto", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta