Demetrio Salgueiro: “A economía verde está moi ben, mais non imos comer herba”

O alcalde de Xove (Lugo), concello onde Alcoa San Cibrao ten as súas oficinas e onde a multinacional tributa, considera imprescindible a existencia da fábrica na comarca. Considera que a resposta vén unicamente do Goberno Central, que para el cometeu unha neglixencia co estatuto sobre electrointensivas. Á parte diso, considera que as alternativas do sector servizos, turismo e medio ambiente sexan abondo para afrontar un futuro sen Alcoa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Como vive vostede desde a Alcaldía a situación que presenta Alcoa nestes momentos?
Agora mesmo con moita preocupación. Para este concello Alcoa é vital que manteña a actividade industrial polos impostos que paga no municipio. Mais sobre todo, pola cantidade de veciños que traballan na factoría tanto directamente como en empresas auxiliares, por tanto unha grande cantidade de veciños traballan na planta. Ademais do emprego que se xera ao redor, hostelería, comercios, afecta a moita xente que vive en Xove.

Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove
Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove | Fonte: AXM

-Cal é a porcentaxe de persoas veciñas do concello que traballan na fábrica directa e indirectamente?
Non temos calculado a porcentaxe, pero é un número moi elevado. Desde que Alcoa se asentou no Concello, máis da metade dos traballadores en Xove dependen da multinacional.

-Primeiro anunciaron os peches de A Coruña e Avilés. Meses despois a multinacional puxo sobre a mesa a factoría de Xove-Cervo. Vostede considera que está en situación como para pechala?
O que está claro é que se xuntaron varios factores para unha tormenta perfecta. O baixo prezo do aluminio nos mercados internacionais e custos elevados debido á factura da electricidade. O 40% dos custos para Alcoa vanse en enerxía. Agora mesmo en España, o prezo da enerxía para este tipo de empresas están un 50% sobre os prezos dos seus competidores en Europa. Por tanto, estase a producir aluminio a un custo moi elevado que non deixa beneficio para a empresa, cousa que lles fai estar en perdas, están producindo sobre o prezo de saída ao mercado do produto. A situación é de preocupación, pódese manter durante un tempo pero non de maneira indefinida. Tamén falamos dunha multinacional que toma as súas decisións desde EE UU, por tanto poden estar un tempo aguantando con perdas. Mais se o prezo da enerxía non é estable, evidentemente temos un problema moi grande. Lévase falando do tema desde hai moito tempo, compensábase co sistema de interrumpibilidade, mais o novo Goberno cambiou as regras do xogo.

-Cales son os prexuízos dos cambios nas regras do xogo?
Onde antes había oito ou dez empresas consideradas electrointensivas en toda España, agora pasamos a 200. Por tanto, o que antes recibían 10 agora se reparte entre 200, a cantidade para Alcoa será menor. O Estatuto do Consumidor Electrointensivo, que viña resolver as incertezas que había sobre a electricidade e que creara moitas esperanzas para resolver o problema de establecer un prezo competitivo da enerxía durante longo prazo e manter a actividade, creo que houbo unha irresponsabilidade por parte do Goberno que botou máis incerteza sobre o mercado. Tanto a Xunta, a empresa e os representantes dos traballadores avisaron do problema da necesidade de modificar ese estatuto en base a alegacións presentadas. Existe a previsión de que o día 26 de abril sairá publicado se se aceptaron as alegacións ou non. Así estamos nunha situación de preocupación. O comité de empresa avisaba onte que non se vislumbraba unha solución para este tema. Todo apunta a iso, mesmo se trasladou unha reunión co Ministerio de Industria para despois das eleccións, así que non vemos que o Estado diga nada para calmar a situación.

-Como político, se agora mesmo o problema estivese nas súas mans, cal sería a solución que vería factible?
Poñer en marcha os mecanismos para que estas empresas puidesen competir. Do mesmo xeito que se envían fondos a outros asuntos que non digo que non sexan importantes,  aquí é un tema social porque afecta a máis de dúas mil familias, e non só aquí senón noutras zonas de España que tamén teñen industria. Se queremos industria hai que apostar por ela. A solución, a mesma que aplican outros países do noso entorno, que as empresas teñan prezos para que fosen competitivas. Vemos que o Goberno non fai iso, porque se houbese unha idea para solucionar a cuestión xa a tería lanzado e nós estamos aquí, nunha situación que non se ten vivido noutras ocasións. Recordo hai cinco anos, cando houbo grandes manifestacións contra a Xunta de Galicia e cun goberno do PP nese momento, pero finalmente levamos cinco anos dunha situación de tranquilidade e estabilidade, aínda que o problema de fondo do prezo da enerxía non se resolveu pero si había outros mecanismos para compensar. Hoxe en día, o que vemos é que o Goberno cometeu unha neglixencia, porque se non se mantén un entorno tranquilo non hai investimentos. Pódese poñer un prezo competitivo e ao mesmo tempo esixir á empresa investimentos que  aseguren a actividade a longo prazo.

-Fronte ao hipotético peche da planta en Xove-Cervo, vostede e outros alcaldes da comarca puxeron sobre a mesa alternativas para a existencia de emprego?
De momento non nos puxemos nese contexto, porque agora mesmo Alcoa é moi importante e moi difícil de substituir con outra actividade. Non hai posibilidade de resolver o problema a curto prazo. Poderían estudarse alternativas, pero vemos zonas desindustrializadas que aínda padecen os efectos do desmantelamento industrial. Na Mariña sería moito máis grave porque non hai unha industria alternativa que permita facelo de maneira inmediata. Se agora mesmo quedasen sen traballo dúas mil ou tres mil persoas, é imposible crear unha actividade que cree ao seu redor un  mercado como o de Alcoa, pois esta multinacional xera máis do 30% do PIB da provincia de Lugo, e na Mariña a porcentaxe sería máis grande. O peche suporía un colapso grande porque falamos de transportes, servizos, turismo e hostalaría. A creación dunha industria que cree o mesmo tecido que Alcoa non é algo que se faga da noite para a mañá.

-Sente a mesma preocupación dentro da veciñanza?
Si, o mesmo sentido de preocupación que dicía antes, mais tamén existe a esperanza de que o Goberno actúe como é a súa obriga e que resolva o problema de maneira inmediata. Por iso estamos esperando o día 26 a ver que pasa. Insisto, sería unha grande irresponsabilidade non crear un entorno estable para este tipo de empresas e sería moi grave para toda a industria nacional. Ata o de agora non había esa sensación de perigosidade outros anos que tamén houbera perdas, pero visto o que acontece en Coruña e Avilés, a xente veo con máis preocupación.

-A posibilidade de traslado de traballadores desde A Coruña e Avilés á factoría de Xove-Cervo veo como unha medida positiva?
Sinceramente como alcalde e veciño de Xove, para nós non é unha boa alternativa, claramente. Porque eses postos que van quedando por xubilacións e prexubilacións e que se poden cubrir con xente de aquí, en vez diso, se os cubren con xente que veña doutros lugares, iso sería un problema para as persoas de aquí que teñen expectativas de traballar na fábrica. Durante varios anos non se crearía traballo. Non é o mesmo problema que se se pechara a fábrica de aluminio, pero si no sentido de creación de emprego dentro da empresa que máis postos e posibilidades xera na comarca. O que desexamos todos é que Coruña e Avilés non teñan que pechar, senón manter a súa actividade e postos de traballo alí, onde están instaladas, porque agora trasladar familias que están instaladas nos seus concellos e ter que ir traballar a centos de quilómetros do seu fogar non é a solución. A solución non é pechar as dúas fábricas porque estás destruindo emprego nesas zonas.

-Que lle pediría ás partes implicadas?
Creo que só hai unha parte implicada, agora mesmo. Os traballadores dixeron o que tiñan que dicir a través dos seus representantes, a Xunta de Galicia dixo o que tiña que dicir tamén a través dos seus representantes. Todos os actores implicados no tema dixeron o que tiña que dicir, que é a través das alegacións ao Estatuto publicado polo Goberno. Agora o balón está no seu tellado, o que ten poder de decisión é o Goberno central. Por iso lle pediría ao Goberno do país que solucione o problema xa, para permitir ter traballo que é a política social máis importante que hai. Se non podemos ter iso, o demais está moi ben, a economía verde está moi ben, pero non imos comer herba. Hai que manter os postos e actividades industriais que existen, sen ser un país que viva só do turismo ou do medio ambiente que tamén está moi ben. Mais a industria é necesaria e imprescindible para que a economía do país funcione. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo

Alcoa TRIBUTA en Cervo o IBI e o IAE,que son impostos municipais, e seguramente moi altos. Moita xente, como Mariñao, seica non sabe que existen os impostos municipais, ademáis do imposto sobre Sociedades.

2 pois comeredes a merda

Non, ides comer bauxita, fluor, cromo... vamos, ides "comer" o que xa comedes: MERDA. E os casos de cancro na Mariña? E se racha a balsa saturada de lodos tóxicos? así era xa no ano 2010: https://elpais.com/diario/2010/03/1... Lacaios do capital e plebeios do máis rancio e decimonónico insdutrialismo, o que si que é transversal, tanto de dereitas como de esquerdas.

1 Mariñao

No concello de Xove paga os impostos como calquera outra empresa ou comercio que estea nese lugar. Pero a multinacional Alcoa TRIBUTA en Madrid porque é alí onde ten a súa sede social. Igual que unha tenda de Inditex paga en Madrid ou París pero Inditex tributa en Arteixo que é onde ten a súa sede social. Que falta de rigor de GC. Por certo, tamén paga en Cervo, menos porque ocupa menos espazo neste concello.