Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2019 | Actualizada ás 19:34
Margarita Dopico Cancela, a nai do neno de 14 meses que morreu asasinado polo seu pai facendo estalar unha bombona de gas dentro do coche en Padrende, cualificou como "aberrante" a sentenza do Xulgado do Penal número 2 da Coruña que absolve dun delito de denegación de auxilio por funcionario ao axente da Garda Civil que a atendeu aquel día.
Por aquel infanticidio, ocorrido en marzo de 2010, o seu ex marido, José Luís Deus, foi condenado a 23 anos de prisión por asasinato, e tres anos despois a muller presentou denuncia contra este garda civil que a atendeu horas antes do crime. En concreto, a sentenza responsabiliza a esta nai de non trasladar de forma clara e suficiente o "terror" que estaba a sufrir, dado que "non tiña unha seguridade mínima para dicir que o risco existía", sostén a sentenza.
Acompañada de Rosa Campos, a responsable do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra, compareceu en rolda de prensa para criticar os argumentos nos que o fallo xudicial xustifica a absolución. Margarita lembrou que os axentes do Cuartel de Betanzos a atenderon "na porta" e non lle fixeron caso, asegurando que sentiu "totalmente desamparada" e que a trataron "como a unha pordiosera". "Estaban obrigados a prestarme axuda e non o fixeron".
Margarita recorrerá a sentenza emitida polo Xulgado do que é titular o maxistrado José Antonio Vázquez Taín e está disposta a chegar "ata Europa ou ata onde faga falta" para defender que o sistema fallou con ela. Neste sentido, a responsable do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra, Rosa Campo alertou da "violencia institucional" que sofren moitas vítimas de violencias machistas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.