Allariz, á vangarda no eido da economía sostible

Este concello será a única organización do Estado que participe no programa internacional “ReTraCe”, unha rede de universidades, empresas e organizacións sen ánimo de lucro creada co obxectivo de formar a investigadores e profesionais no ámbito da Economía Circular.

Por X.M. Fernández | Allariz | 26/04/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O Concello de Allariz leva anos apostando por políticas de desenvolvemento sostible e nesa liña dá un paso máis involucrándose neste proxecto de carácter internacional que ten como obxectivo formar a profesionais especializados en estratexias de economía circular. Mario Pansera, veciño de Allariz e coordinador do proxecto, explica que ReTraCE “está deseñado especificamente para capacitar a novos líderes e académicos capaces de conducir a transición dun modo de produción e consumo máis sostible en Europa”.

A Alcaldesa, Cristina Cid, con Mario Pansera. Prensa Allariz.
A Alcaldesa, Cristina Cid, con Mario Pansera. Prensa Allariz.

A rede reúne a un equipo de expertos e líderes académicos a nivel mundial para lograr avances na comprensión da transición cara a unha Economía Circular (EC) con éxito no contexto europeo tanto dentro das organizacións e industrias existentes como a través de modelos de negocios innovadores e sostibles. O enfoque proposto é multidisciplinar e aspira a mellorar significativamente a comprensión actual sobre a aplicación da economía circular, dende un punto de vista económico, ambiental e social. De cara ás administracións, o programa de investigación pretende proporcionar información sobre o desenvolvemento e a implementación de políticas públicas que contribúan á ir implantando dinámicas de economía sostible.

O consorcio de 10 beneficiarios (7 grupos académicos e 3 non académicos do Reino Unido, Países Baixos, Bélxica, Suecia, Italia, Grecia e Alemaña) deseñará e ofrecerá capacitación multidisciplinaria a 15 investigadores, ofrecendo un programa de intercambios internacional a través da ampla rede de organizacións asociadas, entre eles o Concello de Allariz, involucradas na proposta.

A alcaldesa, Cristina Cid agradecía esta proposta “que pretende sentar as bases a nivel formativo de todos/as os/as profesionais encargados/as de afondar nun proxecto importante para Allariz, conseguir poñer en marcha unha rede de economía circular que faga que o mundo sexa máis sostible e no que Allariz leva tempo traballando coa posta en marcha de proxectos como o de compostaxe comunitaria, entre outros” e afirmaba tamén que “dende o rural tamén se pode traballar para o mundo e tomar decisións que poden cambiar o planeta”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta