As obras do pintor Carlos Maside cedidas ao Concello de Santiago poderanse visitar no Pazo de Fonseca

O alcalde de Santiago mostrou a súa satisfacción polo feito de que "un proxecto de cidade como é recuperar e mostrar o legado Maside" sexa "compartido por todas as administracións".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2019 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

A xunta de goberno do Concello de Santiago aprobou este venres o convenio co Consorcio para a cesión das obras do legado do pintor Carlos Maside, adquiridas grazas ao financiamento do organismo interadministrativo e a Deputación da Coruña.

Diso informou este venres en rolda de prensa o rexedor compostelán, Martiño Noriega, quen detallou que este acordo é o paso previo necesario para a exposición pública da obra nunha zona do Pazo de Fonseca cedido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

En concreto, a adquisición do legado Maside para a súa exposición pública foi posible grazas ao acordo asinado entre o Consorcio e a institución provincial, que financiaron a compra de 21 obras con achegas respectivas de 215.000 euros. Na operación, ademais, conforme destacou o alcalde, implicouse a USC, que cede o espazo do Pazo de Fonseca no que se exhibirá a obra.

Precisamente, Martiño Noriega mostrou a súa satisfacción polo feito de que "un proxecto de cidade como é recuperar e mostrar o legado Maside" sexa "compartido por todas as administracións a través do Consorcio, e tamén por outra institución fundamental de Compostela como é a súa Universidade".

AMPLIACIÓN DO MUSEO DO POBO GALEGO

Na reunión da xunta de goberno, ademais, acordouse conceder a licenza necesaria para executar o proxecto de adecuación da parte sur do convento de San Domingos de Bonaval. En concreto, trátase dunha actuación financiada polo Consorcio e que permitirá ampliar o espazo expositivo do Mueso do Pobo Galego.

Precisamente, o Consorcio aprobou o xoves, no seu consello de administración, a concesión dunha subvención directa para acometer esta rehabilitación, que permitirá ampliar o espazo en 1.600 metros cadrados. Por último, tamén se acordou ampliar en dous meses o prazo de execución de dúas obras: a pasarela do CEIP de Fontiñas e a ampliación do patio e dotación do parque infantil do CEIP Quiroga Palacios.

As obras do pintor Carlos Maside cedidas ao Concello de Santiago exporanse no Pazo de Fonseca. CONCELLO DE SANTIAGO
As obras do pintor Carlos Maside cedidas ao Concello de Santiago exporanse no Pazo de Fonseca. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta