Galicia vota masivamente contra o retorno dunha España "grande e libre"

O PSOE obtén un triunfo histórico e vence con claridade na Galicia urbana. O PP recibe un forte correctivo e perde 250.000 votos. A liorta de En Marea, Podemos e IU acaba case en debacle. Ciudanos consolídase en Galicia e o nacionalismo desaparece de Madrid.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 28/04/2019 | Actualizada ás 23:57

Comparte esta noticia

O 28 de abril de 2019 quedará gravado na memoria de moitos e moitas galegas. Por primeira vez en moitos anos, o PP, dono e señor de Galicia agás por un espellismo de 4 anos durante o bipartito, ve como o seu feudo, o seu señorío, o seu palleiro de votos comeza a morrer. É unha lenta agonía que xa leva sufrindo este partido elección tras elección e que se reflexou claramente este domingo.

Pontón di que o voto útil xogou en contra das expectativas dun BNG que 'está a alza'
Pontón di que o voto útil xogou en contra das expectativas dun BNG que 'está a alza' | Fonte: EP

Unha derrota que supón a perda de case 250.000 votos e case 15 puntos menos que en 2016 e que fará reflexionar, e moito, aos seus líderes en Galicia. Porque, en parte, esa derrota está sementada nun discurso visceral en contra das sensibilidades históricas das nacionalidades e autonomías que sempre formaron parte do ADN do estado chamado España.

E, fronte a esa España das Españas, tan pura e tan casta que defendían populares, Ciudadanos e Vox,  xurdiu unha Galicia que pide valores e pide sensibilidades e quere que se recoñeza que, aquí, neste recuncho da península tamén temos unha lingua, unha cultura e unha historia propia.

Esas bandeiras, que en Galicia sempre foron sustentadas polo Bloque Nacionalista Galego, agora son defendidas por PSOE e por Podemos. Ou iso, en parte, e se se lle fan caso aos resultados acadados neste 28 de abril histórico, é o que semellan pedir os votantes dun e doutro partido.

VITORIA DO PSOE

O PSOE sae gañador, e con diferencia, da contenda da España das diversidades.  Os galegos acudiron en masa para demostrar que o discurso do odio e das dúas españas que provocaron unha guerra civil hai 80 anos, non gustan. E, por iso votaron en masa, superando as expectativas de participación de comicios pasados.

Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis
Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis | Fonte: @JuanMa_Moreno.

Os galegos e as galegas demostraron neste comicio que confían en que sexa o PSOE o partido chamado a solventar as fracturas que hai dentro do estado e evitar que se creen máis feridas entre os distintos pobos que compoñen o estado.

Pero se Galicia castigou ao PP, non é menos certo que tamén premiou a outros novos partidos que manteñen un discurso baseado na división. Un total de 250.000 votantes, sumando os máis de 170.000 de Ciudadanos e os 80.000 de Vox. O partido de Rivera obtén os seus mellores resultados neste país a costa da fuga de votantes do PP. Entra por Pontevedra e pola Coruña cun discurso no que tamén pesaron máis as divisións e confrontacións que a concordia.

E, a pesar de aparecer con forza, o partido de Abascal non cumpliu as expectativas que tiña postas en Galicia, concretamente, na Coruña. Non obtivo ningún escano, aínda que estes comicios supoñen o bautismo da ultradereita en Galicia. Unha ultradereita que obtén, curiosamente, case os mesmos votos que os nacionalistas do BNG.

POBRE RESULTADO DO BNG E BATACAZO DE EN MAREA E UNIDAS PODEMOS

O BNG, que duplicou os pobres resultados de 2016, onde apenas obtivo 40.000 papeletas, amousou que lle funcionou a apelación ao “voto útil” e o apoio de medios como La Voz de Galicia. Os resultados do 28A amosan que o seu 5,7% de votos non serven para nada no contexto estatal. O nacionalismo galego, por primeira vez desde os anos 80 quedará sen representación en Madrid nun momento no que os partidos nacionalistas están chamados a construír un novo estado.

Pero a gran debacle destas eleccións foi En Marea. Os electores non entenderon, ou penalizaron, as divisións do partido instrumental. Recibiron pouco máis do 1% dos votos, uns 17.000, case empatados con Partido Animalista. Unha aposta, a de Luís Villares, que non entenderon os votantes que preferiron apoiar a Unidas Podemos, quizais, pola polarización de votos. 

Con todo, o partido de Yolanda Díaz e de Antón Gómez-Reino tamén saíu moi escaldado destes comicios ao deixar polo camiño a metade dos votos obtidas hai tres anos. Un duro correctivo dos electores que tampouco esquecen que as divisións tamén se pagan caras.

Pedro Sánchez, nun mitin en Vigo. PSOE
Pedro Sánchez, nun mitin en Vigo. PSOE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Pasmao

Galicia votó contra el BNG, pero algunos se consuelan con nimiedades.

2 Lou

O do BNG e Marea é para reflexionar, moi por debaixo de C's e á altura de Vox. Narcisismo patolóxico é o que teñen Villares, Pontón e o resto da banda.

1 Digo mais

En 5 das sete cidades --a esceción, Pontevedra e Santiago-- Vox é quinta forza, porribá do BNG. Galicia abandona o nacionalismo. Nos pobos xa se sabe que votan ao PP si ou si. O voto da esquerda é urbán. Non hai que apurar tanto na morte de Vox que está mais morto o BNG nas cidades. A ver como se retrata o PP cando Vox presente unha proposición na que se condenen e anulen o Santo Pucherazo do Plebiscito do 36 e mais as eleccións de febreiro; cando se condene o asasinato de cregos, as queimas d igrexas, a violencia revolucionaria, etc.