Feijóo pide un xiro no PP de Casado e "abrir" portas a persoas liberais, de centro e de centro esquerda

Insiste na idea de "ensanchar" o partido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2019 | Actualizada ás 11:53

Comparte esta noticia

O presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, fixo un chamamento a "ensanchar" o partido e a "abrir" as súas portas para mantelo como o que "sempre foi", un "punto de encontro entre moitas sensibilidades" políticas.

Así o manifestou o tamén presidente da Xunta en declaracións aos medios á entrada do Parlamento galego, onde tivo sesión de control este martes e razón pola que non puido asistir ao Comité Executivo de 'Xénova' para analizar a histórica caída dos populares na xornada electoral do domingo.

Así, apostou por "ensanchar" o PP, que "sempre foi un punto de encontro entre moitas sensibilidades" de xente "que é máis de dereitas, máis liberal, máis conservadora, máis de centro, máis reformista" e "máis de centro esquerda", tal e como enumerou.

"O Partido Popular é o partido alternativo ao PSOE, vímolo nas urnas. Por tanto, a maioría de votantes de Vox estarán decepcionados porque verían como colaboraron, sen sabelo, no triunfo do PSOE. E tamén creo que hai moitos votantes de Cs que teñen cabida no PSOE", asegurou Feijóo.

"CANDO ENSANCHAMOS GAÑAMOS"

Seguidamente, ao ser preguntado sobre se Casado debe seguir á fronte da formación, o líder galego dixo que "non é o momento de pechar portas". "Temos que abrir portas a moita xente que ve que se nos unimos somos máis que o PSOE e se nos dividimos o PSOE, cos independentistas e os populistas, van gobernar España", aseverou.

Por iso, insistiu na idea de "ensanchar" o partido: "Cando ensanchamos gañamos e cando o limitamos pois lamentablemente non gañamos".

Feijóo nunha rolda de prensa XUNTA
Feijóo nunha rolda de prensa XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta