O libro en galego, incertezas e posibilidades nun mercado pequeno

O día 28 de abril abriu a feira do libro de Santiago de Compostela. A curiosidade de coñecer o estado de edición en galego nunha época como a actual, aínda dentro dunha crise económica e cos índices de galego falantes en descenso, fai preguntar se existe un mercado do libro na nosa lingua e se ese mercado é fluctuante ou está consolidado.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O mercado do libro en galego está consolidado? “Non, o libro en galego ten un mercado moi delicado porque a comercialización, promoción e edición pasa por un país con moitas dificultades para soster ese mercado de libro en galego” di Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora. “Galicia é unha potencia creadora pero que logo non está á altura a comercialización, o mercado ou a industria cultural non está á súa altura, non porque as editoras teñamos algunha febleza, como industria de seu” sinala Alvarellos.  “Hai un mercado moi limitado e con moita oferta, a xente merca máis o mesmo título en castelán que en galego” sinala Afonso Ribas, de Laiovento.

Posto de libros
Posto de libros | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Isto responde a unha serie de circunstancias o mercado galego “é moi feble, os índices de lectura independentemente da lingua son baixos, o consumo de cultura desde o comezo da crise reduciuse nunha porcentaxe importante e non houbo recuperación” sinala Alvarellos. Á parte, tamén hai “un incremento dos usos dixitais e iso de momento está confundindo ou despistando, porque non está estudado que cree lectores, senón o contrario, pode que a lectura se vexa afectada, non que sexa unha ameaza, estamos nun momento de “auga á volta””. Estariamos nun momento de confusión ou dunha transición confusa. “ Non son contrario ás edicións dixitais, porque eu mesmo son usuario delas, pero hai un momento de discusión sobre este tema” di Henrique Alvarellos.

VENDER

Alejandro Tobar, de Huguin e Munin, sinala que é doado editar, aínda dentro dun mercado específico como o que trata a súa editorial, a tradución. “O difícil é vender, as vendas son limitadas coas tiraxes sempre pequenas”. Sobre a aceptación das traducións ao galego dos clásicos en diferentes xéneros, para Tobar “ten boa aceptación, aínda que sofre de prexuízos, pois segundo os datos da Federación de Gremios de Editores, cómprase un libro en galego por cada dezanove en castelán”. Con todo a tradución dentro das vendas en galego supón “un 20% dentro da ficción co que está dentro dos baremos tanto españois como europeos, mais a cuestión é que sempre somos os mesmos lectores, un círculo reducido de persoas”.

“Publicar non é dificil, o difícil é vender” di Afonso Ribas. “Sobre todo é difícil o que facemos nós, porque neste momento está saíndo mellor a literatura infantil e xuvenil”, e tamén sinala Ribas “vender libros na librería, porque hai outras maneiras de vender como é vender nos centros de ensino, nas bibliotecas e institucións” e tamén “que cada vez hai menos librerías especializadas en galego”. Para David Cortizo, editor, a resposta é “si pero non como todo, hai que ter vontade, nun bar por un café sácaslle un beneficio dun 90%, un editor saca un 15%, é doado se sabes isto, mais facer un grande investimento e contar con que o beneficio é menor que noutras áreas, pois convérteo en difícil” se non se coñecen os atrancos anteriormente.

LECTURA

A crise económica tamén afectou ás políticas culturais especialmente, e a do libro entre elas. “Farían falta políticas públicas e planos transversais, inspirados e acertados da promoción da lectura en galego” sinala Alvarellos que ofrece ademais datos da Federación de Gremios de Editores de España “no ano 2018 os datos específicos para Galicia din que só o 4% das persoas que foron enquisadas prefiren ler en galego”.

Cunh idea semellante tamén se pronuncia Alejandro Tobar, convencido de que debera haber unha estratexia de fomento de lectura e consumo de libro en galego. “Cal ten que ser non estou seguro, mais as responsabilidades terían que ser compartidas, por suposto que a Administración xoga á contra, é unha xenocida lingüística, mais iso non quita que as cousas se estean facendo ben nalgúns lados”.

David Cortizo sobre a lectura en galego “se nos cinguimos ao que din os datos da Federación de Gremios de Editores, pois diminuiu o número de lectores”. Para el a resposta a isto estaría “nunha mala xestión da administración pública, de todas mesmos as máis afíns, que adoitan a dar premios e regalar libros, pero non animan moito á lectura”. Sobre as motivacións deste punto, Cortizo sinala que “hai políticas que poden animar á lectura mais non á compra de libros”. Sobre se os impostos á cultura poden ter tamén a súa parte de culpa di que “en libros é o 4% de IVE, en editar é o 21%, e moita xente merca cousas sen importarlle tanto o 21% sobre o produto que merca”.

A única saída que ten a Xunta para mercar libros son as bibliotecas municipais, dígoo en xeral, porque despois non sei se teñen outras vías, pero están destinando desde a administración autonómica 200.000 ou 300.000 euros para que as bibliotecas merquen libros” di Ribas de Laiovento. “É difícil chegar ás bibliotecas porque as editoras pequenas non temos un servizo de axentes comerciais para ir vendendo libros polas bibliotecas, temos a web onde subimos os nosos libros”.

Esta tendencia no mercado do libro en galego acabaría reducindo a oferta a unhas poucas editoriais? “Véxoo difícil, en Galicia somos cen editoriais, menos da metade son profesionais, no noso caso, só hai cinco ou seis de tradución, agora hai un momento de estancamento, mais creo que a cousa cambiaría se aumentase o número de lectores e que se interesasen máis na lectura na lingua propia” di Tobar. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Uu1

o futuro do livro na língua galega vai parelho com o futuro da nossa língua, usando a ortografia reintegracionista ambos os dois são garantidos, ao aproveitar todos os recursos do português brasileiro evitando a desaparição da nossa língua.