O PP reclama que o Goberno volva aos criterios de distribución de fondos de emprego que beneficiaban a Galicia

A oposición lémbralle que foron as comunidades e non o Goberno quen cambiaron o modelo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2019 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para "retomar os criterios de distribución" dos fondos ás comunidades autónomas para políticas activas de emprego que beneficiaban a Galicia porque "primaban ás comunidades por favorecer o emprego estable".

Así, a proposición non de lei defendida polo deputado do PP Miguel Tellado en comisión parlamentaria, aprobada cos votos a favor do seu grupo mentres a oposición se abstivo, defende que se retomen os criterios nos que se "primaba ás comunidades que, como Galicia, impulsan programas pioneiros e innovadores que favorecen a creación de emprego estable e con futuro".

Na súa defensa sobre as xestións que debe, a xuízo do Grupo do PP, realizar o Goberno galego fronte ao Executivo central en relación cos criterios de repartición ás comunidades autónomas para políticas activas de emprego, Tellado reivindicou os criterios de "eficacia e eficiencia" da Xunta para a anterior repartición de fondos porque "beneficiaron a Galicia", á que lle correspondía o "8% dos fondos repartidos polo Goberno central" para creación de emprego.

Deste xeito, o parlamentario popular reivindicou a "boa xestión e o bo facer" do goberno do PP na Xunta, que reprochou que o "novo modelo" e "o cambio de criterio prexudica a Galicia" porque "levará a unha paulatina redución de fondos" para a Comunidade galega, advertiu Tellado.

Neste sentido, o deputado do PP que defendeu esta iniciativa insistiu en que este cambio "castiga" a comunidades como Galicia que "si" xestionan "ben con criterios de eficacia e eficiencia" os recursos recibidos. Ademais, reivindicou que a comunidade está "mellor situada en taxa de paro" e encadeou "cinco anos seguidos de descensos consecutivos".

ENMENDAS

Fronte a esta iniciativa do PP os grupos da oposición --BNG, En Marea e PSOE-- presentaron emendas, todas elas rexeitadas, e reprocharon ao PP que a súa xestión "non é tan boa" como destacou o parlamentario popular. Deste xeito, Montse Prado, do Bloque, reprochou que hai "máis de 90.000 persoas activas menos en Galicia en 10 anos" e lamentou "o descenso de ocupación na xente nova" con "máis de 50.000 mozos menos no mercado de traballo".

Por iso, o BNG defendeu como "necesario" que "se presente un informe do nivel de execución" dos fondos recibidos por Galicia para a mellora do mercado laboral porque sostivo que "non se gastaron os fondos e a incidencia non está a ser nada positiva". "Queremos saber que se fai cos fondos e que incidencia está a tender", concluíu.

Mentres, Patricia Otero do PSOE lembroulle a Tellado que foron a "maioría das comunidades" as que "cambiaron os criterios de distribución co voto favorable do Ministerio" en conferencia sectorial. "O Goberno non foi quen cambiou os criterios", abundou.Por parte de En Marea, Paula Vázquez Verao considerou "esencial" desagregar os datos de fomento de emprego e destacou que "as estatísticas din que crece a brecha salarial".

"Sorprende os discursos da esquerda", recalcou o deputado do PP, quen pediu aos grupos que se sitúen en se queren "máis ou menos" para Galicia. Ademais, reprochoulles que "sigan en campaña electoral, máis preocupados polos resultados". Respecto diso, recriminoulles que estean "coas ayuditas e os subsidios" mentres os populares fomentan o emprego.

Sobre a petición de datos de Vázquez Verao, Tellado replicou a "En Marea ou como se chamen" que a "información está na Cámara". "Se non a teñen é porque están metidos nas pelexas internas, a ver quen se vai ao grupo mixto... Por iso non se decatan da información que o Goberno galego envía a esta Cámara", reprochou para sentenciar que "Galicia cumpre e Galicia avanza".

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, na rolda de prensa. PPDEG
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, na rolda de prensa. PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta