"A imaxe polémica da Cidade da Cultura forma parte do pasado"

Dezaoito anos despois de que se colocase a primeira pedra, a odisea da Cidade da Cultura parece chegar ao seu fin coa inauguración do Xardín Teatro e o inicio das obras do edificio Fontán. Conversamos con Ana Isabel Vázquez, directora xerente do Gaiás, sobre o que foron estes anos, a modificación do proxecto e o futuro deste complexo. "Agora mesmo ninguén dubida da utilidade da Cidade da Cultura", asegura.

Por Beatriz G. Caneda | Santiago de Compostela | 03/05/2019 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

A Cidade da Cultura érguese a apenas un par de quilómetros do centro histórico compostelá. O proxecto inacabado de Eisenman, unha cidade de edificios de curvas imposíbeis e paredes de cristal que coroa o Gaiás, cumpre vinte anos. Coa inauguración do Xardín do Teatro, un espazo verde que substitúe o que ía ser o edificio do teatro, e as obras do novo edificio Fontán, dúas décadas de arquitectura, polémica e obras perpetuas parecen chegar ao seu fin.

Xardín do Teatro e obras do edificio Fontán na Cidade da Cultura
Xardín do Teatro e obras do edificio Fontán na Cidade da Cultura | Fonte: Beatriz G. Caneda

Ana Isabel Vázquez Reboredo é a directora-xerente da Cidade da Cultura dende o ano 2016. Despois de dous anos no posto, considera que a polémica quedou atrás e que non existe dúbida da función que cumpre este complexo. Unha plataforma para, nas súas palabras, "mostrar todo o que fomos, todo o que somos e todo o que seremos nun futuro".

Este 18 de abril inaugurouse o Xardín do Teatro, que substitúe o que no proxecto inicial ía ser o edificio do teatro, por que se decidiu facer un espazo verde?

No ano 2013 houbo un acordo parlamentario polo cal se paralizaban as obras naquel momento do xa iniciado edificio do teatro e tamén do edificio das artes. Acordouse paralizar esas obras e ese baleiro que deixou, que ía ser o oco da construción necesitaba algún tipo de tratamento. Anos anteriores, antes de que chegase eu a xerencia da Cidade da Cultura pensábase tamén nalgún tipo de actuación para o oco que deixara a non construción do edificio das artes. Con catro edificios completamente construídos, que é o que temos agora na Cidade da Cultura, temos suficiente como para ofrecer promoción cultural, promoción tecnolóxica, emprendemento e para ofrecer cada vez máis visitas, máis programación e non requería de novos investimentos en infraestruturas.

"A paralización das obras foi unha decisión ben tomada, tamén moi consensuada, moi pensada"

Ana Isabel Vázquez, directora-xerente da Cidade da Cultura
Ana Isabel Vázquez, directora-xerente da Cidade da Cultura | Fonte: Beatriz G. Caneda

Naquel momento no que se decidiu a paralización en plena crise económica realmente foi unha decisión ben tomada, tamén moi consensuada, moi pensada. Houbo un aforro considerable, máis de 80 millóns que custaba finalizar esa construción. Nese oco pensouse que unha actuación paisaxística como xa se fixo co Xardín Literario, co outro oco que deixara tamén a outra construción, podería axudar a dar unha imaxe amable dese espazo, que realmente pois non estaba nas condicións como para que a Cidade da Cultura puidese brillar como queríamos e ao mesmo tempo, é unha actuación reversible. O día de mañá, dentro de 30 ou 50 anos, hai unha intención de finalizar porque hai unha carencia de infraestruturas nese sentido demais, realmente pode cambiarse ese xardín por aquel proxecto inicial do edificio da ópera ou o que se considere alá no futuro.

En que se inspira este xardín?

Precisamente, pedindo un pouco ideas de que podíamos facer dentro dese axardinamento pensouse nun xardín diferente. Cada un ten unha temática, temos o bosque de Galicia que ten unha temática de bosque autóctono, con todas as especies autóctonas e que agora mesmo son máis de 34 hectáreas, máis de 12.000 árbores. Tiñamos o xardín literario que tiña outra concepción, a idea era que puidéramos dalgunha forma facer referencia os nosos poetas, aos nosos escritores galegos con frases con información básica deles e neste outro, pensábamos outra concepción. Pensar naquelas persoas, naquelas comunidades, que se espallaron polo mundo e para facer un pouco alusión a eles, para facer un pouco unha homenaxe.

"O Xardín do Teatro en realidade foi a custo cero"

Decidimos un xardín atlántico con especies de aqueles países onde hai comunidades galegas. Hai diferentes especies de diferentes continentes do mundo, máis ou menos cun clima atlántico que é o que nos temos e que fai referencia a esas comunidades. E ao mesmo tempo, intentar facer un espazo accesible, un espazo que poda visitar todo o mundo, un espazo que combine tamén pois aproveitar precisamente a orografía do terreo e facer un pequeno auditorio ao aire libre, o anfiteatro, que está aí para usalo, unhas 400 prazas aproximadamente e utilizar tamén para que a xente nova o empregue para deportes urbanos, que tamén é a veces unha demanda que hai e que o terreo dalgunha forma tamén se prestaba.

O presuposto empregado no xardín polo tanto era máis baixo en comparación co edificio que se ía construír, pode darnos algunha cifra?

O Xardín do Teatro en realidade foi a custo cero porque hai un contrato de urbanización dende fai anos para acondicionar todo o que é a Cidade da Cultura, os párkings, diferentes espazos. O que fixemos foi alixeirar un pouco esa urbanización, facela máis simple, máis sinxela e coller eses cartos e utilizalos para acondicionar o xardín teatro. Partiuse dun presuposto e dun contrato que ten quizais máis de dez anos, dende que se empezou a urbanización, había unha serie de cartos que xa estaban comprometidos e contratados dende fai un montón de anos. O que fixemos foi chegar a un acordo coa empresa para non facer o resto de urbanización que quedaba tan complexa ou tan minuciosa como se fixera nos parques e demais, facer algo axeitado, tamén que dese unha imaxe importante pero máis sinxela e con eses cartos que nos sobraban investímolos no Xardín Teatro co cal non tivemos que empregar unha nova inversión. Foi a custo cero e, a verdade é que visto o resultado final está ben bonito e á xente estalle gustando moito.

O novo edificio Fontán comezou a construírse en decembro de 2018, que espazo do proxecto inicial substitúe?

O edificio Fontán é a construción que xa estaba feita, o único que se fixera dese Teatro da Música, e que correspondía realmente ao aparcamento. Tanto o oco como esa construción, que estaban paralizadas dende o ano 13, necesitaban algún tipo de tratamento e durante todos estes anos se pensou porque ademais non está nun lateral da Cidade da Cultura senón que está xusto no centro, no corazón. Non podíamos deixar unha imaxe da Cidade da Cultura e ademais con toda a actividade que estamos tendo como inconclusa porque ademais o proxecto finalizouse. Finalizouse dunha forma diferente a como se pensou no ano 99 pero dende logo viñeron outros tempos, outras situacións e as condicións actuais demostran que co que tiñamos construído era máis que suficiente pero si que necesitábamos un tipo de actuación estética. Con esa construción xa en marcha había que pensar en pechala e en pechala dalgunha forma e aí entón houbo negociacións coa universidade para que o novo sistema de universidades contara con esa construción que xa está en marcha. É, simplemente, o que xa está construído, pechalo e dotalo para darlle máis contido ao Sistema Universitario Galego.

Que máis institucións albergará entón este edificio?

Van estar unha serie de cousas novas que se crean e outros servizos que xa existían para as universidades, para as tres universidades. Entre o novo está o Consorcio Universitario de Galicia, que supón que para as tres universidades vai a traballar para pois para que dalgunha forma se coordinen mellor as tres universidades dende o punto de vista económico, técnico e demais. Tamén vai estar a axencia de calidade da universidade, que xa existía, e outro servizo novo que tamén vai a estar é o centro de investigación paisaxística, que isto é un centro que vai depender da universidade e que vai supoñer unha investigación na nosa paisaxe, nos camiños, nos de Santiago, nas diferentes rutas e demais, importante para Galicia. Isto súmase ademais a que nunha quinta parte dese edificio, vai estar un centro dependente do CSIC que é o INCIPIT, o instituto de Ciencias do Patrimonio, onde se fan importantes estudios precisamente en patrimonio. Entre, o CEIPA, que é o centro de investigación que vai a depender da universidade, e o INCIPIT, que depende do CSIC, van dar creo que un importante valor en investigación e en estudos de paisaxe e patrimonio para Galicia, non só para a Cidade da Cultura, que supón aumentar en moito a actividade cultural senón tamén isto vai ter unha repercusión e unha importancia fundamental para Galicia.

A nivel arquitectónico, será un edificio un pouco diferente aos xa existentes no Gaiás, como está deseñado?

Si, a cobertura será metálica e con placas fotovoltaicas. Realmente non pensamos en facer un edificio nin como o que estaba proxectado nin que o ideal igual sería facelo como os outros para que fose exactamente acorde. Pensabamos distinguilo dos demais. Era outra concepción, outra idea, como outra temática, outros equipos técnicos. Andrés Perea e o seu estudio, Euroestudios Perea, pensaba en facer algo cunha concepción diferente, máis lixeira, máis transparente, que permita ver os interiores a diferencia dos demais que son máis opacos, pero si ten a conexión co resto de edificios que sería nesa cuberta, esa ondulación que dalgunha forma, dende arriba, pois permite conectar co resto do complexo. Certo é que non podemos empregar pedra, vaise utilizar moito cristal, e logo a cuberta que será unha superficie metálica e con placas fotovoltaicas de nova xeración que van permitir aforrar moito en custos de mantemento, luz e calefacción.

Un dos problemas que hai no Gaiás é o acceso con transporte público, está pensado que haxa algún convenio novo?

Nós estivemos facendo diversas reunións co concello de Santiago que o que ten as competencias en transporte urbano para tratar precisamente estes temas. E a verdade é que foron conversas nas que se puxeron en común moitos aspectos. Cada vez aquí traballan máis persoas, hai máis actividade, e entenden que tamén é unha necesidade. Poñer máis autobuses cambia un pouco a planificación que eles teñen do transporte, estaban tamén inmersos nunha nova planificación. O que acordamos con eles é  que vai haber unha nova ruta cara a cidade a cultura que é un pouco máis directa e que vai máis polo centro. E tamén eles estaban estudando, que é unha decisión que ten que tomar o concello porque é tema de transporte, é aumentar esas frecuencias de autobuses, sobre todo porque agora somos 600 traballadores aquí, xente que sae con diferentes horarios. Aínda que temos bastantes prazas de aparcamento hai xente que prefire baixar a Santiago en autobús e se esas frecuencias foran cada media hora ou así.... Estamos en negociación, o concello tamén quedou en analizar esa frecuencia e sobre todo tamén as fins de semana, xa que é menor.

"Pensamos nun autobús lanzadeira que vaia dende o centro pero a verdade aí hai certas restricións de tráfico"

Tamén estamos en negociacións con eles para intentar que calquera turista que queira vir a Cidade da Cultura poda vir por unha ruta peonil que estamos intentando poñer en valor a través do Concello. Demostrar que esa distancia entre a cidade da Cultura e o centro histórico é moito máis pequena do que parece aínda que haxa unha barreira visual: a vía do tren ou a avenida de Lugo. En realidade, esa distancia en media hora se fai tranquilamente pero tamén é necesaria esa frecuencia en autobuses para a xente que o necesita. Son competencias municipais, estamos en conversa con eles, tivemos varias xuntanzas, hai unha boa intención pola súa parte pero dende logo é un traballo que se ten que facer dende o eido municipal.

Cando eu cheguei pois a xerencia da Fundación Cidade da Cultura era a conexión da Cidade da Cultura coa cidade de Santiago e con Galicia. De feito conseguimos que se rematara e xa está aberto e cambiou moito o panorama a AP-9, que nos da unha conexión directa co eixe principal atlántico, que une A Coruña, Vigo, pero non só Vigo, senón con Portugal. Pero aparte diso nos fai falta outra conexión coa cidade entón empezamos conversas, diferentes conversas co concello. Pensamos nun autobús lanzadeira que vaia dende o centro pero a verdade aí hai certas restricións de tráfico. A nosa idea era estar no entorno do obradoiro e non é posible. Estamos tamén calculando e vendo as posibilidades de outra ubicación e que nalgún momento ou o mellor en momentos puntuais de pico turístico podamos poñer en funcionamento ese servizo.

Peter Eisenman, arquiteco do proxecto orixinal, coñece estes cambios? Participou nas modificacións?

Peter Eisenman ten coñecemento do proxecto. Ademais, coincidiu que estaba en Galicia, aquí na Cidade da Cultura, para unha entrevista que querían facer unhas revistas de arquitectura e tivemos oportunidade de explicarlle o que iamos facer, pero é un proxecto diferente do que el tiña deseñado. Sábeo, coñéceo, parécelle ben, está moi contento con como foi evolucionando a Cidade da Cultura, a calidade que cada vez máis ten. Vivimos como nunha aldea global e as noticias van chegando e  fai pouco me mandaron un correo electrónico dende de Nova Iorque felicitándonos porque tiñan fotografías de diferentes eventos, viran como os espazos exteriores cada vez gañaban máis vida... Sempre que o tempo nos deixe, isto é Santiago e facemos o que podemos (risas). Pero si que lles gustou aínda que el non participa si é coñecedor do proxecto.

Tendo todo isto en conta, cre que nun primeiro momento, cando se ve o primeiro proxecto, se podería ter considerado outra opción? Non era xa excesivo naquel momento? Demasiados edificios, demasiado grande...

Eu non estaba naquel momento, a verdade, e tamén era outro panorama. Entendo que era un panorama absolutamente diferente do que estamos agora e diferente do que viu despois. Supoño que naquel momento os responsables que estaban a cargo, viron un proxecto moi ambicioso, un proxecto que puña tamén no futuro a Santiago, completaba unha oferta de Santiago. Santiago ten unha oferta medieval espectacular, a Catedral, o entorno, digamos que toda esa zona central, pero tamén ten un contido contemporáneo agora importantísimo. Aí temos o CEGAC, con ese edificio de Siza, e (a Cidade da Cultura) sumaba un proxecto novo dun artista internacional de primeiro nivel. Creo que é un proxecto, era un proxecto, moi ambicioso que naquel momento, supoño, podíase levar a cabo. A cuestión é que logo viñeron diferentes tempos e houbo posibilidade de reformulalo e posibilidade de agora mesmo pois ter un complexo finalizado, un complexo amable con moitísima actividade, con edificios absolutamente completos, con cada vez máis persoal que traballa aquí e que máis se vai a incorporar co edificio Fontán e que da unha imaxe de finalizado, diferente dun proxecto inicial pero dunha forma moi responsable, dunha forma moi adecuada aos tempos e sobre todo, dunha forma que creo que permite que todos os cidadáns, non só os de Santiago senón de Galicia, isto é a Cidade da Cultura de Galicia, disfruten dun espazo e se sintan representados.

En canto á actividade cultural, cal é o público obxectivo? É unha  oferta máis centrada en Galicia ou tamén con propostas do extranxeiro?

A nosa oferta está moi diversificada. Gústanos traballa para todos os públicos e cremos que é fundamental que todos os públicos teñan opcións. Temos eventos familiares que funcionan moi ben como Cidade Imaxinaria pero tamén temos outros públicos. Temos festivais como Escenas do Cambio de arte e danza contemporánea, no que poñemos en valor todo aquelo que se está innovando dentro destes dous campos, non só en Galicia senón que o poñemos e o contrapoñemos co que se está facendo no resto de países. Aquí veñen compañías galegas e compañías doutros países que grazas a participar en Escenas do Cambio logo tiveron con programadores que estiveron aquí, oportunidades de estrear noutros países.

"Esa é a nosa perspectiva, traballar para Santiago pero traballar para Galicia e que toda Galicia se vexa representada"

Queremos seguir traballando en exposicións que poñan en valor todo o noso traballo, dende unha perspectiva ampla de tradición como facemos agora con “Pensar coas mans” falando de cerámica, de cestería, destas artesanías pero non só dende unha perspectiva do pasado, do que se fixo, senón mirando ao futuro. E por iso, nesas exposicións, sempre hai artistas novos, xente que está traballando nestes e que está innovando nestes campos e que nos permite conectar con esta parte futura e sobre todo conectar cun panorama internacional porque estamos falando de xente que non só traballa para Galicia senón que traballa para Loewe, para marcas internacionais. E facémolo con diferentes exposicións  con percorridos internacionais.

Esa é a nosa perspectiva, traballar para Santiago pero traballar para Galicia e que toda Galicia se vexa representada e o intentamos facer en diferentes programacións, non só en exposicións, e tamén traballar a nivel internacional. Estámolo facendo nos últimos anos, poñer en valor sectores, diferentes sectores galegos, apostar pola nosa cultura, polo que se fixo ata agora para utilizar o Gaiás dalgunha forma como plataforma para o pasado pero tamén para  o futuro. Seguir innovando e mostrar esta innovación e axudar a todos eses novos creadores que están xurdindo a que dalgunha forma se visibilice non só esta innovación e axudar a todos eses creadores que están xurdindo a que dalgunha forma se visibilice non só en Santiago, en Galicia, senón no estado español e fóra.

Recentemente púxose en marcha a iniciativa Gaiás Secreto, visitas guiadas para coñecer os recunchos da Cidade da Cultura, como xorde esta idea e en que consiste?

Moita xente xa coñece, afortunadamente, e outra está empezando a coñecer cada vez máis a Cidade da Cultura. Todos aqueles espazos nos que un pode aparcar o coche, pasear, percorrer as sendas do bosque, as prazas, entrar nos edificios etc. pero hai outras partes do Gaiás que son menos coñecidas porque en realidade se usan para temas internos. É un pouco como unha modalidade parecida ás terrazas da catedral. Hai unha parte que cando a xente a coñece lle chama moito a atención que é a parte da galería de servizos. Toda a parte da cidade da cultura, do Gaiás, é peonil sen embargo, toda a vida que ten  a Cidade da Cultura, require de transportes que van a obras, que van ao museo etc. e todo iso ten que circular. No proxecto inicial o primeiro que se construíu foi esa galería de servizos, que tamén chamamos o túnel, que conecta os edificios por debaixo. Son esas pequenas cousas da Cidade da Cultura que cando a xente as coñece se sorprende. Pareceunos que esta era unha oportunidade para coñecer non só o que se ve senón esas outras cousas importantes dos edificios, que lle dan sentido e que sen embargo non son tan visibles.

Nun panorama no que cada vez máis se tenta visibilizar a figura da muller en diferentes ámbitos  en prol dunha igualdade real, conta a Cidade da Cultura con algún proxecto neste sentido?

Nós traballamos sempre pensando na muller. Moitas das artistas que traballan aquí, son mulleres. En escenas do cambio, a inmensa maioría nas compañías e as actrices son mulleres. Cada vez intentamos en toda a programación que temos, poñer en relevo o papel da muller na cultura e como artistas. É un obxectivo e unha tendencia xeral. Non o facemos ó azar, o facemos porque hai moito das mulleres en cultura, moi importante que temos que mostrar e que queremos mostrar. Durante estes anos, ao mellor nun panorama xeral, as mulleres sentiron que nos diferentes eidos, non só na cultura, senón noutros apartados, non se estaba mostrando o seu traballo. Nós xa levamos un tempo mostrando ese traballo e queremos seguir nesa liña.

Non podemos esquecer que a Cidade da Cultura ten unha imaxe polémica en certos sectores, que se pode facer ou que se está facer para que isto mude?

Creo que esa imaxe de polémica da Cidade da Cultura forma parte do pasado, creo que a xente coa diferente actividade cultural que cada vez temos, máis de 200 eventos culturais, máis de 300 eventos tanto de institucións como de empresas que buscan un marco diferente, a diferente actividade que temos relacionada co medio ambiente, paisaxística e demais, creo que toda esa imaxe foi cambiando e a xente cambiou e mudou tamén a súa imaxe da cidade da cultura. A xente percibe que aquí cada vez se fan máis cousas, que se fan cousas para diferentes públicos e que se axuda no panorama cultural a mostrar o traballo pero tamén as empresas que traballan no eido cultural.

"Creo que agora mesmo ninguén dubida da utilidade da Cidade da Cultura, de que é importante para Santiago e para Galicia "

Pouco a pouco iso está cambiando, facémolo co noso traballo, co traballo de todos os días,  mostrando como se traballa, facendo a programación, organizando visitas, facendo que a xente nos coñeza directamente porque realmente tamén notamos que cando os visitantes veñen e coñecen directamente a través do noso departamento de visitas como é a cidade da cultura, como se traballa, que actividade hai, cambia radicalmente a visión. Entón iso, foi mudando, creo que agora mesmo ninguén dubida da utilidade da Cidade da Cultura, de que é importante para Santiago e para Galicia e o facemos como dicía co noso traballo. Facendo cada vez máis actividades, máis para todos os públicos e mostrándolle directamente a xente como se traballa e o que se pode facer aquí.

Cara onde camiña a Cidade da Cultura?

Avanzamos cada vez máis para intentar mostrar máis  actividade cultural, máis actividade de emprendemento  cultural, traballando máis con todos os públicos, máis directamente con todos os sectores e para ser realmente para Galicia esa gran plataforma para mostrar todo o que fomos, todo o que somos e todo o que seremos nun futuro.

"Temos que ser ese apoio para esas persoas, para esas entidades culturais que queren mostrar o seu traballo "

Como pobo temos unha gran historia, unha gran tradición que temos que dar a coñecer da que temos que estar moi orgullosos pero tamén temos un presente e un futuro con xente que está traballando moito e moi ben en diferentes eidos culturais para seguir innovando e nós temos que ser ese apoio para esas persoas, para esas entidades culturais que queren mostrar o seu traballo e que queren seguir mostrando ao mundo e non só para Galicia senón para o resto do mundo que aquí se sigue traballando moito e moi ben en cultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

7 Argonauta

Os Comentarios Anteriores..Típicos dun Clube de Cabreados de baixisma estopa (posiblemte xente á que non lle deron "os seu"- o que pensaban que merecían - no seu dia polas diferentes instancias- culturais, políticas,...- polas que foron reptando)....cos argumentos que eles destilan, haberia que comenzar por Derribar a Catedral (o edificio de uso mais inutil de Compostela e Galiza: en mans duns disfrazados atrabiliarios e mafiosos que dín que hai un Deus- contra todo método científicio -e que, incluso e coa colaboración das altas autoridades, lle falan a un ídolo de madeira solicitándo-lle solución ao males que , previamente, eles crearon...): o Gaias está aí e haberá que sacar-lle o proveito debido: aguardo que non sexan Misas e Rogativas!!.

1 Gamela

Eses "mafiosos" ensináronte a ler e a escribir... (pouco xa se vé!) pero si puxeramos un contador á porta do Gaiás verías o "gran proveito" desta nova mafia cultureta que non vai a ningures! Agás os funcionarios da Xunta e agora da Universidade (e digo funcionarios porque non funcionan!) Cuspir tan alto pode resultar contraproducente ¿non cres? https://youtu.be/bRfwBsB7JL0

2 Argonauta

Vexo que o "Gamelismo" (hibridacion cutranga da enfermidade infantil do comunismo galiciano + fedor apetrenante a Exseminarismo) se da por aludido mais escurre miserabelmente o miolo da cuestion: Derrubamos ou Non a Catedral de Compostela ingresando nun campo de reeducacion "ad hoc" ou frenopatico sotanico aos Vividores que a governan, ou non??.

6 sermos mantidos

A Cidade do Despilfarro, como o vai recoñecer a política? Igual a retiran se non difunde un ridículo discurso positivo para tapar o disparate. Aberración inicial, iniciada polo PP e que o BNG-PsoE non se atreveu a parar. Que os intelectuais de presebre defenderon (Suso de Toro, O Rivas). Non aguanta o paso do tempo, hai que pagala eternamente. Agora novo apaño: rompe a harmonía con edificios non pensados e buracos remendados. O básico, como achegala á cidade, é secundario (ou culpa dos outros, da cidade histórica). Non hai visitas, o asunto é dicir que está todo asumido. De verdade, que pobreza intelectual e que atraco que imos pagar por séculos os galegos.

5 Mindois

Coido que foi Díaz Pardo o que dixo que isa aberración só tiña amaña con dinamita. Dito por D. Isaac. Eu non son tan radical, abondaríame con reformulala por completo e facer dela un museo nacional e o resto do complexo adaptalo a necesidades sociais: hospital, ancianato, universidade libre, etc.

4 lóstrego

Derribos Arias, demolicións de edificios e mazás enteiras, SA

3 anonimo

Pero si non vai ninguén!!!!!!!! Pirámide do Garbancito para Fraga que seguiremos pagando perante moitas xeneracións.