O BNG presenta menos candidaturas municipais que nos comicios de 2015

Fixa como obxectivo ter maioría absoluta en Pontevedra e recuperar peso nas sete cidades, especialmente en Vigo e Ourense, sen presencia desta formación nacionalista desde 2015. Confían nos "estudos demoscópicos" que apuntan a unha suba do Bloque.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 03/05/2019 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presume de "implantación e penetración real" no territorio galego, onde presentará candidaturas no 80% dos municipios cunha cobertura do 95% do total da poboación de Galicia. Con todo, os nacionalistas presentarán menos listas que nos comicios do 2015. Se entón, non se presentaron nun total de 55 concellos, desta volta serán 68 os municipios onde non estarán presentes.

26M.- O BNG Presume De 'Implantación' Ante Unhas Municipais Nas Que Concorre No 80% Dos Concellos Galegos
26M.- O BNG Presume De 'Implantación' Ante Unhas Municipais Nas Que Concorre No 80% Dos Concellos Galegos | Fonte: Europa Press

Ao fío disto, Rubén Cela sinalou que o BNG presenta candidaturas en 245 municipios de Galicia, o que supón o 80% do total de concellos e unha cobertura de poboación case total. "O 95% da poboación de Galicia poderá votar a unha candidatura do BNG", dixo.

Deste xeito, destacou o "grandísimo esforzo de mobilización" dos 4.025 homes e mulleres que se presentan en listas da formación frontista. Deles, "máis do 50% non son militantes do BNG", o que para a dirección do Bloque é "un indicativo da mellora da percepción social" cara á organización que lidera Ana Pontón.

Nunha rolda de prensa, Cela debullou os obxectivos do BNG ante a cita coas urnas do próximo 26 de maio, xornada na que coinciden as eleccións municipais coas europeas. De feito, o Consello Nacional do Bloque reunirase este sábado para aprobar a estratexia de campaña para ambas as citas electorais, nas que os nacionalistas confían en afianzar o crecemento rexistrado nas xerais do domingo 28 de abril, cando duplicaron os votos respecto de 2016 aínda que quedaron lonxe de obter escano.

O BNG resalta que as xerais "son un bo indicador" pero lembran que a formación consegue os seus mellores resultados nas municipais, as eleccións "máis próximas" e nas que "se pode conseguir unha fotografía máis real da implantación e penetración real dunha organización política".

"HEROICIDADE"

O BNG tamén subliña que se presenta na totalidade das comarcas galegas e, por primeira vez, contará con candidaturas nas nove entidades locais menores de Galicia. Así mesmo, valoran o feito de que se configuraron listas en municipios nos que, segundo Cela, é "heroico" facelo dadas as "difíciles" condicións de certos municipios para situarse ao redor dunha candidatura nacionalista.

Outra das claves que resalta a dirección do Bloque é o "incremento" de mulleres en listas e o "importante esforzo de renovación" coa presenza de candidatos "novos", algún mesmo como opcións para a alcaldía. "Hai substitución xeracional. Temos moito futuro a longo e medio prazo. Recuperamos 'punch' entre a mocidade", apostilou Cela.

ALCALDÍAS E CIDADES

Así as cousas, o Bloque fixa como obxectivos manter as alcaldías de municipios como Carballo, Ponteareas ou Pontevedra, capital provincial gobernada desde 1999 por Miguel Anxo Fernández Lores e onde, segundo a dirección do BNG, poderían ter opcións de conseguir a maioría absoluta o ano en que se cumpren 20 anos desde a consecución da Alcaldía.

Ademais, os nacionalistas móstranse confiados noutra das metas desta cita: recuperar o peso perdido nas sete cidades no ano 2015, cando tocaron chan na Galicia urbana quedando incluso fóra das corporacións de Ourense e Vigo.

"Estamos convencidos de que así será. Non só polos estudos demoscópicos, senón polo pulso que percibimos na rúa. En cidades como Vigo e Ourense botáronnos en falta e saben que o concello é mellor co BNG", aseverou Rubén Cela, que abandona a política local tras oito anos nos que foi concelleiro en Santiago, cidade na que poderían "duplicar" a representación que teñen na actualidade, dous edís.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta